11.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaCruz Vermella e R chegan a Ponteareas e A Guarda con "Enredando...

    Cruz Vermella e R chegan a Ponteareas e A Guarda con “Enredando tour R”

    O programa pretende integrar ás persoas maiores na contorna dixital

    Despois da súa estadía en diversos puntos da comunidade autónoma, a aula móbil formativa de “Enredando tour R” achégase á provincia de Pontevedra para instalarse o luns 4 en Lalín e desprazarse o martes 5 e o mércores 6 a Ponteareas e á Guarda respectivamente. É o momento das localidades pontevedresas, onde se pechará o percorrido desta actividade conxunta da Cruz Vermella e do operador galego R a prol da ‘inclusión dixital’ das persoas maiores.

    Que a fenda non deixe ninguén atrás

    A intención primeira desta acción é minorar o efecto da fenda dixital que tanto lle afecta a unha gran porcentaxe dos maiores e a outros colectivos vulnerables. Falamos de persoas que, por exemplo, durante o confinamento e nos momentos máis duros da pandemia, non puideron botar man das novas tecnoloxías para completar xestións esenciais como pedir unha cita médica, facer a compra ou realizar unha operación bancaria sen saír da casa.

    R e Cruz Vermella teñen claro que o máis importante é que as persoas maiores lles perdan o medo ás novas tecnoloxías e desenvolvan habelencias básicas que lles permitan avanzar e aprender a navegar por internet, ter unha conta de correo ou enviar unha mensaxe. E, sobre todo, que non se sintan sós/soas e vexan que persoal especializado e persoas voluntarias da organización humanitaria lles darán o apoio dixital que precisen in situ, no espazo das formacións, e que á vez poden recibir asesoramento a través da páxina enredando.gal, creada especificamente para completar esta acción didáctica dedicada a eles.

    Menús formativos (para todos os gustos)

    O programa desenvólvese nunha aula móbil con contidos formativos vinculados ás novas
    tecnoloxías. Unha furgoneta superequipada transporta os smartphones, portátiles, tabletas,
    altofalantes intelixentes… e todo tipo de accesorios para facilitar ese achegamento á
    realidade da tecnoloxía máis doméstica e presente en multitude de áreas da nosa vida cotiá.
    As persoas que participen poderán fedellar mentres ‘degustan’ un dos catro “menús
    formativos” que Cruz Vermella e R lles teñen preparado para que elixan o que máis se
    adapte ás súas necesidades.

    En función deses menús, en horario de 10:00 h a 14:00 h, impartiranse nas zonas escollidas
    de cada localidade 8 talleres (2 por menú) de 45 minutos cada un. Ao ser en espazo exterior
    instalaranse uns toldos para o desenvolvemento da actividade e cumpriranse
    escrupulosamente as esixencias sanitarias e medidas anti COVID-19 para garantir a
    seguridade de todo o mundo e en todo momento.

    Estas son as localizacións exactas das tres localidades da provincia de Pontevedra ás que
    chega o tour a semana que vén:

    • Lalín: Praza da Igrexa. Luns, 4 de outubro.
    • Ponteareas: Praza Maior. Martes, 5 de outubro.
    • A Guarda: Praza Avelino Vicente (“As de copas”). Mércores, 6 de outubro.

    E esta é a carta de ”Enredando tour R”, cos seus 4 menús:

    • “Vivo no mundo analóxico, rapaza”; menú básico para comezar a “enredar”.
      ”E ti… de quen vés sendo?”: para saber que é e como funciona o WhatsApp.
    • ”Dixitalízate, ho”: para aprender como se pode acceder ao SERGAS, ao banco, facer a
      compra e, en xeral, como xestionar o máis cotián por internet.
    • ”Menú R: móbilR”: para coñecer a factura electrónica e outras utilidades e aplicacións
      prácticas en internet.

    Dende A Coruña ata A Guarda

    Tras a súa presentación na Coruña o pasado 13 de setembro, e despois de percorrer as
    devanditas localidades da Coruña, Lugo e Ourense, a aula móbil formativa con contidos
    tecnolóxicos poralle o punto e final á actividade o vindeiro 6 de outubro na Guarda,
    completando así este periplo que quere ser, sobre todo, un pasiño máis no derrubamento da
    fenda dixital entre as persoas maiores e o universo tecnolóxico.

    Para participar nos obradoiros de “Enredando tour R” as persoas interesadas poden chamar
    ao teléfono gratuíto 900 825 030 ou escribir un correo electrónico a galicia@cruzroja.es.

    Sobre “Enredando”, de Cruz Vermella

    “Enredando tour R” enmárcase dentro do proxecto “Enredando” de Cruz Vermella, cuxo
    obxectivo xeral é reducir a fenda dixital entre a poboación que atende a Organización na
    nosa comunidade autónoma.

    Trátase dun proxecto de capacitación dixital que xorde para evitar procesos de exclusión
    social por motivos económicos, de xénero, de idade, nivel educativo ou zona de residencia,
    entre outros.

    “Enredando tour R” é a primeira das grandes accións deste proxecto que se pon en marcha
    e que aposta por apoiar as persoas maiores e sensibilizalas no uso das tecnoloxías, así como
    axudalas a derrubar os temores e inseguridades que poidan ter a seu respecto.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.