O Concello de Ponteareas continúa levando actividades de lecer ás 24 parroquias da vila, nesta ocasión destinadas aos máis pequenos e pequenas da casa. A Concellaría de Cultura pon en marcha un ciclo de obradoiros de xoguetes e xogos de refugallo dirixidos a nenos e nenas de 5 a 10 anos que se celebrarán nos distintos centros culturais ponteareás ao longo dos meses de maio e xuño.
A primeira actividades será o vindeiro martes 3 de maio no Centro Cultural de Celeiros, onde rapaces e rapazas poderán realizar diferentes obxectos con materiais de reboutallo. Trátase de “facilitar un espazo de entretemento para nenos e nenas e fomentar e estimular neles e nelas a creatividade co uso de restos que xa non se aproveita e que ían rematar no lixo, o que nos permite sensibilizar ás novas xeracións dun xeito divertido sobre a importancia de darlle unha segunda vida aos obxectos e de reducir o que desbotamos”, salienta o concelleiro, Fernando Groba.
A actividade, de balde, contará con prazas limitadas a un máximo de 15 participantes. As persoas interesadas poderán facer a reserva de praza no propio centro cultural.