Domingo, 4 Maio de 2025

‘Contos a pé de rúa’ para unha tarde de descubrimentos en lingua galega co programa Apego

Ponteareas acolle esta semana unha nova sesión do programa Apego, que desembarca na vila cun espectáculo co que nenos e nenas de 3 a 6 anos gozarán dunha tarde de lecer e descubrimentos en lingua galega. Este xoves 30 de xuño a sala multiúsos do auditorio municipal será o escenario no que transcorrerán os ‘Contos a pé de rúa’, unha sesión de contacontos coa que o narrador Felipe Díaz, Caxoto, animará á lectura aos máis cativos e cativas.

Neste espectáculo, un barrendeiro fai unha entrada inesperada e, ante un público expectante, decídese a contar algún dos contos que le mentres limpa nas bibliotecas e nos colexios municipais. Algunhas veces son contos de medo, outras historias cheas de fantasía ou contos tradicionais, sempre todo mesturado con xogos e cantigas cos que facer as delicias do público.

O concelleiro de Lingua, Fernando Groba, anima a todas as familias a participar nesta actividade do programa Apego, un proxecto colectivo “pensado para fomentar e facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos rapaces e rapazas de entre 0 e 6 anos no noso idioma”.

A actividade, de balde, terá lugar ás 18.30 horas. Para poder asistir é necesarias reserva previa de praza a través do teléfono 986 640 000, extensión 1010, ou a través do correo electrónico [email protected].