Sábado, 3 Maio de 2025

Concello e Instituto Galego da Vivenda e Solo asinan un convenio para apoiar a rehabilitación do patrimonio da vila

O Concello de Ponteareas segue a facer un esforzo por captar fondos cos que transformar Ponteareas na vila do futuro. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, asinou este venres coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto, un convenio de colaboración co Instituto Galego da Vivenda e Solo que permitirá financiar a rehabilitación e conservación do edificio situado no número 39 da Praza Maior.

Trátase dun financiamento sen xuros de case 790.000 euros que permitirán ao Concello iniciar as obras do futuro Centro Cívico de Ponteareas sen ter que adiantar nin depender de recursos propios ata a percepción da subvención do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat saudábel’. “Somos un concello pioneiro que levamos moito tempo colaborando co IGVS. Para nós é unha ferramenta fundamental que nos permite afrontar grandes obras dunha forma planificada e así destinar o orzamento anual do Concello a mellorar a realidade da veciñanza”, recalcou Fernández Davila.

Deste xeito o Concello continúa a dar pasos para dotar a Ponteareas de servizos necesarios e dos que na actualidade as e os ponteareáns carecen. É o caso do Centro Cívico no núcleo urbano, o primeiro edificio público de Ponteareas que contará con 900 m2 destinados a servizos municipais e actividades sociais, como espazos para a mocidade, salas de reunións, espazos para obradoiros e cursos, servizo de atención temperá ou unha oficina de información.

O Goberno municipal destaca o grande avance deste proxecto. O Concello ten previsto sacar xa a licitación nas vindeiras semanas as obras de execución, polo que os traballos de rehabilitación iniciaranse antes de que remate o ano e con previsión de que a finais do ano 2023 poidan desfrutar das instalacións todos os veciños.