Martes, 13 Maio de 2025

Concello de Ponteareas e grupos musicais consensúan a primeira ordenanza de locais de ensaio

A ordenanza dará preferencia ás e aos empadroados menores de 35 anos e valorará a participación feminina, a composición de temas propios e o uso do galego

Ponteareas contará, en breve, cunha ordenanza municipal que regule o uso do local de ensaio que o Concello ten no Parque da Feira Vella. Con ese motivo, o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, mantivo un encontro con representantes dos grupos de música usuarios do local de cara a consensuar esa primeira ordenanza municipal para o uso e goce deste espazo para a mocidade que o concello ofrece totalmente de balde.

A nova ordenanza que regulará este espazo de máis de douscentos metros cadrados, segue a liña marcada polo Goberno local para fomentar a participación da mocidade, promover unha sociedade igualitaria e pór en valor a cultura e a nosa lingua e, nesa liña, dará preferencia aos grupos musicais con membros empadroados en Ponteareas menores de 35 anos.

Ademais da idade, a ordenanza tamén valorará cuestións como o número de membros que compoñen os grupos, a participación feminina, a composición de temas propios ou o emprego da lingua galega, entre outros aspectos.

Dende hai anos os grupos ponteareáns ensaian e desenvolven as súas inquedanzas musicais nas catro salas que compoñen o local sen que, ata agora, se regulara o seu uso nin o procedemento a seguir para acceder a elas.

Bouzó destacou que ”dende o Goberno ponteareán decidimos pór en marcha os trámites para proceder á mellora do local de ensaio municipal e do seu funcionamento”. Con ese obxectivo e logo de realizar a primeira consulta, “estamos ultimando unha ordenanza que regule cuestións como o uso das instalacións, as solicitudes por parte dos grupos, os horarios de acceso, ou os dereitos e deberes tanto dos grupos autorizados como do propio Concello de Ponteareas”, engadiu o concelleiro de Mocidade.

Na xuntanza, as e os participantes coincidiron con Miguel Bouzó na maioría dos asuntos formulados para a elaboración da ordenanza, e achegaron opinións e ideas que serán introducidas neste primeiro regulamento para o mellor aproveitamento do local e para unha óptima utilización das salas do mesmo.

Así mesmo, malia que nos últimos anos xa se realizaron reformas no local de ensaio, Miguel Bouzó indicou que é necesario “seguir avanzando nas melloras deste espazo”, polo que adiantou ás e aos presentes que o goberno local está a traballar na posta en marcha de novas actuacións, “coincidentes coas demandas dos grupos musicais para converter o local de ensaio nun espazo que fomente en mellores condicións a creación musical”.