Sábado, 3 Maio de 2025

Carolina Rodríguez e Carmen Lemos, gañadoras do concurso de relatos breves Remata o Conto

A creación literaria ten premio en Ponteareas. O Concello entregou estes días os premios ás e aos gañadores do certame de relatos breves Remata o conto, unha iniciativa de gran tradición na vila que se convoca cada ano coincidindo coa Feira do Libro. Nesta edición as gañadoras dos primeiros premios do concurso foron Carolina Rodríguez Domínguez na categoría infantil e Carmen Lemos González na de adulto.

O xurado, composto por Isabel Blanco, Susana Lamela e Esmeralda Quiroga, decidiron outorgar por unanimidade estes premios que completaron na categoría infantil Naiara Rodríguez Domínguez e Uxué Rodríguez, que acadaron o segundo e terceiro posto, respectivamente. Laura Domínguez Merino e Daniel Costa Melón foron a segunda e o terceiro clasificado na categoría adulto.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, destaca “a calidade literaria, a orixinalidade e a corrección lingüística que cada ano nos atopamos entre os relatos participantes. Para nós é un orgullo contar cunha canteira de creadoras e creadores tan potente en todos os xéneros e de todas as idades”.

Unha época de esplendor literario en Ponteareas que se traduce na aparición de autores e autoras novas que, como salienta o edil, “dende o Concello potenciamos coa posta en marcha de obradoiros de escrita creativa e convocando premios de creación e de investigación e publicando volumes cos textos premiados”.

Fernando Groba quixo trasladar a todas e todos os galardoados os parabéns do Concello por este premio e animounos a seguir traballando e gozando do pracer de escribir e da literatura.