10.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasAvelaíña inaugura un novo centro de rehabilitación psicosocial e laboral en Ponteareas

    Avelaíña inaugura un novo centro de rehabilitación psicosocial e laboral en Ponteareas

    Contará con 30 prazas concertadas e dará cobertura ás comarcas do Condado, A Paradanta e Salceda de Caselas

    A Asociación Avelaíña conta desde hoxe cun novo centro de rehabilitación psicosocial e laboral en Ponteareas. A entidade inaugurou este martes estas novas instalacións coa presenza da alcaldesa ponteareá, Cristina Fernández Davila; do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; da presidenta da asociación, Fernanda Orduna; da concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera; así como de autoridades sanitarias do SERGAS, alcaldesas e alcaldes das comarcas da contorna, xunta directiva, familiares e usuarios e usuarias da asociación.

    Fernández Davila quixo agradecer unha vez máis “o labor tan importante que Avelaíña leva anos desenvolvendo na vila, unha función esencial e imprescindíbel nas políticas de saúde pública”. O Concello de Ponteareas colabora dende hai anos coa asociación apoiando o programa de integración de persoas con enfermidade mental no seu ámbito comunitario, o Programa Achego, un programa iniciado en Ponteareas que é referente incluso a nivel nacional e que inclúe medidas como obradoiros para mellorar a calidade de vida dos usuarios e usuarias, dos seus familiares e achegados e mellorar a súa atención na súa contorna psicosocial e comunitaria máis próxima.

    Durante o ano pasado, a asociación Avelaíña atendeu en Ponteareas arredor de 40 persoas e familias ás que lles prestou o servizo de información e asesoramento, de apoio psicolóxico ou de apoio comunitario. Ademais, ao abeiro do programa de integración, só no ano 2020 a entidade realizou 411 actuacións individuais na comarca, 167 coordinacións, 40 servizos de acompañamento comunitario e 32 actividades.

    “Avelaíña traballa dende hai 25 anos na comarca para potenciar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental mediante a promoción da súa calidade de vida e da dos seus familiares. E para nós é un orgullo ver como a asociación vai crecendo e incorporando novos servizos fundamentais para a nosa contorna”, salientou a edil de Benestar.

    O novo centro de rehabilitación, situado na rúa dos Carballos, contará con 30 prazas concertadas polo SERGAS para persoas con enfermidades mentais das comarcas do Condado, A Paradanta e Salceda de Caselas. Con 314 metros, este novo centro suporá un salto cualitativo na atención das persoas con enfermidade mental das comarcas e permitirá prestar unha atención máis continuada, acabando coa saturación do Programa Achego.

    A presidenta de Avelaíña, Fernanda Orduna, salientou que “con este novo centro preténdese mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e das súas familias, así como manter á persoa enferma na contorna comunitaria, dar apoio ás familias e prestar servizos de rehabilitación psicolóxica e social mediante unha atención integral”. Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, comprometeuse a que en abril comece a funcionar a Unidade de Saúde Mental para adultos de Ponteareas, un servizo demandado dende hai moitos anos e moi necesario para a comarca, complementario ao inaugurado este martes. García Comesaña asegurou que a unidade, que dará servizo a toda a comarca, contará con 4 profesionais que comezarán a súa actividade en horario de tarde mentres non se realizan as reformas para habilitar os novos espazos no centro de saúde.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.