Domingo, 11 Maio de 2025

As persoas maiores de Ponteareas xa poden solicitar o programa ‘Xuntos polo Nadal’ para pasar as festas en compañía

A concelleira de Benestar, Verónica Carrera, lembra que a inscrición pode realizarse a través dos Servizos Sociais do Concello ata o 15 de novembro

As persoas maiores de Ponteareas xa poden solicitar o programa Xuntos polo Nadal, unha iniciativa do Goberno galego para que as persoas que estean soas poidan pasar estas datas acompañadas nunha residencia de tempo libre de maneira gratuíta. A concelleira de Benestar, Verónica Carrera, explica que as persoas interesadas poderán apuntarse ata o día 15 de novembro a través dos Servizos Sociais do Concello.

O programa conta cun total de 526 prazas, 246 na residencia de Panxón, en Nigrán, e 280 na de Carballiño. As persoas maiores de Ponteareas que entren no Xuntos polo Nadal pasarán as festas no concello ourensá en dúas quendas de oitos días cada unha e con réxime de pensión completa. A primeira dende o 22 de decembro ata o 29 de decembro e a segunda dende o 31 de decembro ata o 7 de xaneiro. O programa tamén inclúe desprazamento en autobús dende Vigo ata Carballiño.

Para poder solicitar o Xuntos polo Nadal as persoas deben ter máis de 60 anos, estar empadroadas nalgún concello galego, vivir soas nun domicilio durante as datas do Nadal, valerse por si mesmas. non padecer enfermidades con risco de contaxio e estar vacinadas contra a COVID.

Para a selección dos participantes daráselle preferencias ás persoas que perdesen o seu cónxuxe ou persoa coa que convivisen nos últimos anos, teñan máis idade e non participasen no programa Xuntos polo Nadal en pasadas edicións.