Xoves, 16 Xaneiro de 2025

As atraccións das Festas de Setembro de Ponteareas contarán con descontos e horarios sen ruído

O obxectivo que persegue esta iniciativa do Concello que preside Cristina Fernández é que as persoas con sensibilidade poidan gozar tamén das festas

Un ano máis, nestas Festas de Setembro as atraccións feirais funcionarán sen música nin megafonía durante dúas tardes. O Concello de Ponteareas continúa a ter en conta ás persoas con diversidade funcional e pon de novo en marcha unha iniciativa para reducir os niveis de ruído e facilitar que as persoas con sensibilidade auditiva ou calquera outro tipo de trastorno que produza problemas sensoriais poidan tamén gozar das atraccións e da festa.

Como explican dende as concellarías responsábeis, a de Eventos e Promoción Económica, o domingo 2 de outubro haberá horarios sen música nas festas, do mesmo xeito que os houbo onte domingo 11 de setembro en que as atraccións abriron de 17.00 a 19.30 horas sen música, sons ou megafonía e non se levou a cabo mingún tipo de actividade que prexudique ou desfavoreza o uso e desfrute das atraccións e actividades das festas as persoas con sensibilidade acústica.

Os horarios sen música, que se repetirán o día 2 de outubro, coincidirán co Día da Infancia, dúas xornadas nas que o público poderá gozar das atraccións con descontos do 50 %, para garantir o acceso á veciñanza e que todos os nenos e nenas poidan gozar das festas independentemente do poder adquisitivo das familias. Durante todas estas festas as atraccións estarán situadas na Avenida de Castelao e haberá dous inchábeis tamén na Praza da Música.