Sábado, 3 Maio de 2025

As actividades do programa ‘Mocidade Viva’ de Ponteareas sumaron preto de un milleiro de participantes neste verán

A Concellería de Mocidade, que dirixe Miguel Bouzó, fixo balance das actividades desenvolvidas

O concelleiro de Mocidade do Concello de Ponteareas, Miguel Bouzó, valorou moi positivamente o alcance do programa Mocidade Viva salientando que “preto dun milleiro de asistentes puideron gozar da ampla e variada oferta de actividades programadas para as mozas e mozos tendo en conta as súas opinións e demandas”.

Os espazos ao aire libre como as prazas e parques da vila foron o escenario de máis de quince actividades que se desenvolveron cumprindo as medidas sanitarias vixentes. Modalidades de cultura urbana, cine ou actividades novidosas na vila como a orientación nocturna e o sendeyak foron as que máis atraeron ás mozas e aos mozos.

O concelleiro de Mocidade indicou que as accións seguiron o seu obxectivo de “ofrecer á mocidade espazos de socialización seguros e saudables para o lecer e a formación nun momento de grandes incertezas como o que estamos atravesando, no que as opcións de lecer xuvenil se ven constantemente minguadas.“

Bouzó quixo agradecer novamente o traballo levado a cabo voluntariamente polas dinamizadoras xuvenís no desenvolvemento e planificación desta programación durante o verán, lembrando que “dende o Concello facilitamos a formación en materia de lecer alternativo e saudable dun grupo de mozas e mozos no pasado mes de febreiro, e agora coa súa implicación nestas actividades esa formación reverte en beneficio do conxunto da mocidade ponteareá”.

O responsable de Mocidade de Ponteareas adiantou que o programa Mocidade Viva, estable durante todo o ano, “continuará neste outono ofrecendo diversas actividades lúdicas e formativas, así como espazos nos que a mocidade poida desenvolver libremente as súas inquedanzas”. Neste sentido, este sábado ás 21 h tiña lugar unha sesión de patinaxe libre, na que cada moza ou mozo puido gozar libremente cos seus patíns no Complexo Deportivo Álvaro Pino, sempre mantendo as distancias de seguridade e medidas sanitarias.