A Casa Cultural de Arcos celebra esta fin de semana a súa VII Feira de Outono, recuperando esta actividade iniciada en 2014 e interrumpida dende 2020 con motivo da pandemia. O presidente da Casa Cultural, Roberto Mera, salientou que “o amplo programa deseñado para o evento inclúe dende xornadas micolóxicas, con curso, saída ao monte, exposición e obradoiro infantil, pasando polo magosto e os concertos, así como varias actividades gastronómicas”.
As actividades inícianse o venres ás 19:30 cun curso de icoloxía a cargo de Gabriel Pérez Torrón, biólogo, membro do laboratorio de micoloxía da Universidade de Vigo. O prezo é de 15 € para socios da Casa Cultural e 20 € para non socios. O curso continuará o sábado de 10:00 a 13:30 con saída ao monte e de 15:30 a 17:30 coa identificación de cogumelos. As actividades micolóxicas tamén inclúen unha saída ao monte dirixida a nenos e nenas o sábado ás 15:30 horas, unha exposición de cogumelos o domingo dende as 11:00 da mañá acompañado dun obradoiro para nenos e nenas con numerosas actividades de entretemento e coñecemento. Sen afastarnos da micoloxía, o domingo ás 14:00 celebrarase un xantar de outono onde os cogumelos terán un protagonismo especial. O menú componse de potaxe de castañas ao estilo San Amaro, empanada de cogumelos de tempada, risotto á milanesa tamén con cogumelos de tempada, flan de castañas ao chantilly, bebida e café, por un prezo de 15 euros para socios, 20 para os non socios e 10 euros para nenos.
Tanto no curso de micoloxía como no xantar as prazas son limitadas e é precisa a inscrición previa na Cafetaría da Casa Cultural, por watsap no 628367616 ou en [email protected].
Continuando coas actividades gastronómicas, o sábado celebrarase o concurso de receitas de sobremesas de outono, que deben incluir algún dos seguintes ingredentes: castañas, noces ou cogumelos. A entrega de sobremesas farase de 16:00 a 17:00, e tras resolver o xurado haberá degustación ás 17:30. Haberá premios para as tres primeiras receitas e agasallos para as persoas participantes e non é precisa a inscrición previa.
A seguir, comezará o magosto, dende as 18:00 do sábado, onde se ofrecerán castañas, chourizo e viño ao tempo que se desenvolverá o Fiadeiro de Outono con música tradicional ao vivo nun evento aberto a calquera grupo de música tradicional. A música tamén terá a súa presenza ás 21:30 coa actuación de Dos hombre y tercio, organizado pola cafetaría da Casa Cultural e co concerto o domingo ás 17:00 do dúo de música galega “Tabernarios” con Víctor Movilla e Marcelo Dobode.
O presidente da Casa Cultural, Roberto Mera, animou a toda a veciñanza de Ponteareas a achegarse a Arcos a desfrutar deste programa que pon en valor a estación de outono combinando actividades lúdicas e gastronómicas con outras formativas e culturais.