Sábado, 3 Maio de 2025

Ángel Gabilondo fala en Ponteareas de liberdade e igualdade

A comitiva socialista pasou por Ponteareas con Ángel Gabilondo, portavoz na Asamblea de Madrid, á cabeza. Nun mitin celebrado no Auditorio ponteareán, Gabilondo estivo acompañado do secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero; da candidata ao Congreso, Olga Alonso; da candidata ao Senado, Vanesa Fernández e da portavoz socialista no Concello de Ponteareas, Chus Garrote.

Ángel Gabilondo incidiu na importancia de ir votar dende as conviccións “porque as ideas non é algo que un se poña e se quite, senón que son o que nos fai ser como somos”. Dende o respecto polo resto das formacións pediu o voto para o Partido Socialista. “Nós somos persoas demócratas que queren facer a revolución dende o BOE e os Orzamentos Xerais do Estado, persoas con conviccións, que queren loitar polas súas ideas coas urnas e non coas armas”.

Nun discurso no que puxo en valor os servizos públicos e, especialmente a Educación (“a educación é o que nos fai persoas, o mellor regalo, xunto coa cultura que podemos facer aos nosos filllos/as”), insistiu na importancia de defender os valores da liberdade e da igualdade. “O ideario dun socialista cabe en tres liñas e pasa, sobre todo, por ter sempre en conta que tódolos seres humanos somos iguais e ninguén é máis que ninguén”.

Gonzalo Caballero alertou do perigo que supoñen as dereitas, “que se poden sumar sumarán, como sabe moi ben Ángel Gabilondo, que gañou as Eleccións en Madrid e non puido gobernar porque xuntouse a dereita e a ultradereita”.

Chus Garrote destacou que Ponteareas sabe agora moi ben a diferencia entre un goberno municipal de dereitas e un goberno progresista. Aquí gobernou sempre a dereita ata que chegou o cambio e os socialistas.

Vanesa Fernández pediu o apoio ao Partido Socialista para dispor dunhas Cortes nas que sexa posible articular maiorías e un Goberno forte e estable. “Votar a Pedro Sánchez, subliñou, é a mellor garantía de que teñamos seguridade viaria na N-120, de que vaia adiante a Variante e de que se acometa o saneamento de Ribadeteo”.