Sábado, 3 Maio de 2025

Alfombristas de Ponteareas participan nun programa mundial de arte efémera

Un grupo de alfombristas de Ponteareas participaron no Proxecto ‘Momento de solidariedade’, organizado pola Coordinadora Internacional de Entidades de Arte Efémera, coa confección de dúas alfombras, realizadas en domicilios dos alfombristas.

Este proxecto é único e innovador no ámbito alfombrista e foi pensado e creado pola Comisión de Proxectos da Coordinadora, especialmente para a campaña do confinamento: #QuedateEnCasa. Desta maneira, cada alfombrista elaborou unha alfombra para expresar na súa arte aqueles sentimentos que desexa compartir.

Este proxecto vai dedicado a todas as persoas que fan traballos esenciais en favor da comunidade, ás familias que perderon un ser querido, aos enfermos, aos anciáns que senten sós e a todos os alfombristas do mundo. Baixo o lema: De lonxe, unidos no corazón, as nosas alfombras expresan a proximidade e o abrazo solidario que compartimos e mandamos ao mundo.

Ponteareas, berce internacional do Corpus Christi cunha tradición de mais de 200 anos, tiña que estar presente neste evento, compartindo a nosa tradición co mundo, ao mesmo tempo que se demostra a solidariedade e corazón das súas xentes.

Os alfombristas de Ponteareas, neste caso da asociación Corpus As Monxas, quixeron plasmar un relevante amor “a todas as persoas que sufriron con esta pandemia, a todos aqueles e aquelas que estiveron velando pola nosa saúde e seguridade e as nosas familias que sufriron de primeira man o confinamento e o distanciamento”.

Neste enlace recóllese o video confeccionado cos traballos de todas as asociacións e cidades.