Sábado, 3 Maio de 2025

ADENCO solicita ao Concello de Ponteareas a creación dun Consello Municipal de Medio Ambiente

O grupo ecoloxista considera "fundamental" implicar á cidadanía na xestión municipal "dun xeito activo e vinculante"

O Grupo Ecoloxista ADENCO vén de solicitarlle ao Concello de Ponteareas a creación dun Consello Municipal de Medio Ambiente, un órgano do que farían parte entidades sociais e persoas a título individual do concello e que analizaría diferentes cuestións ambientais, con decisións e propostas vinculantes para o Goberno de turno.

ADENCO lembra que a situación que vivimos a raíz da pandemia provocada pola COVID-19 “obrigou a mudar moitas das nosas costumes, obrigounos a mudar a nosa relación coa nosa cidadanía e, pensamos, logo dunha fonda reflexión dentro do colectivo, que tamén debe obrigar a mudar, dunha vez por todas, a nosa relación co Medio”. Neste proceso de mudanza considera o colectivo ecoloxista que non se debe esquecer “que é fundamental contar coa cidadanía e colectivos sociais, un tecido social que leva anos comprometido nos diferentes eidos nos que desenvolve o seu traballo”.

O grupo ecoloxista propón, polo tanto, a creación “urxente” dun Consello Municipal do Medio Ambiente do Concello de Ponteareas, un órgano que se deberá dotar dun regulamento no que estipule o seu modo de funcionamento, os seus integrantes e “o carácter vinculante das súas decisións” algo indispensable para traballar correctamente. “De nada serviría reunirse, traballar, debater, chegar a acordos e crear sinerxias –apunta ADENCO– se logo a administración non obedece os acordos alcanzados cando, evidentemente, a propia entidade local formaría parte do propio Consello”.

Desde o Grupo Ecoloxista ADENCO consideran “que estamos no momento de pór sobre a mesa a creación deste órgano, que nun concello da entidade de Ponteareas xa debería existir” xa que promovería a participación activa de colectivos e persoas a título individual na xestión da res pública, algo fundamental nas democracias modernas. “Debemos pasar do dereito a votar e chegar ao dereito a participar e decidir”, afirma o colectivo.

“Estamos, tamén, segundo a nosa modestísima opinión, no momento oportuno para arrincar os trámites precisos para a creación deste órgano. Existen outros modelos noutros concellos que poden ser exemplo, estamos nun momento no que o comezo do curso 2020/2021 pode ser propicio para que a cidadanía se sume a accións como estas”, conclúe ADENCO.