Domingo, 4 Maio de 2025

A praza de abastos de Ponteareas contará coas dúas plataformas elevadoras renovadas

O Concello traballa na renovación interior da praza de abastos de Ponteareas, un edificio construído na década dos 70, con tres plantas de uso comercial de máis de 1.200 metros cadrados cada unha. O Goberno local vén de sacar a licitación a renovación das dúas plataformas elevadoras para transporte de mercadorías que van dende o soto ata as diferentes plantas, dous ascensores hidráulicos “nos que se detectaron na última revisión unha serie de deficiencias tanto na plataforma como na estrutura de soporte, danos causados principalmente pola corrosión”, como explican dende a Concellaría de Promoción Económica.

Con esta actuación procederase á substitución dos equipos elevadores por aparatos de transporte vertical exclusivo de mercadorías con paradas fixas e con guías ríxidas, sen dispositivos de mandos no interior do habitáculo e preparados para unha carga máxima de 750 kg cada unha. A renovación manterá a situación actual das plataformas dentro das instalacións da praza de abastos e axustarase ao oco existente.

O proxecto de renovación de plataformas elevadoras de praza de abastos sae a licitación por un importe de máis de 133.000 euros que serán financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra. As obras terán un prazo de execución de dous meses. As persoas e empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro martes 11 de outubro.