Luns, 24 Marzo de 2025

A Policía Local denuncia oito locais de ocio nocturno por numerosas infraccións

Os axentes intensificarán o control do uso da máscara e a súa correcta utilización, denunciando e sancionando ás persoas infractoras

A Policía Local, a través de dúas patrullas, desenvolveu a pasada fin de semana un dispositivo especial de control de locais de ocio nocturno, terrazas, botellóns e uso de máscaras ademais de realizar controis de alcoholemia e drogas.

Segundo informa o concelleiro de Bo Goberno, Roberto Mera, responsábel das políticas de convivencia cidadá, co dispositivo asegurouse o cumprimento dos horarios das terrazas e impedíronse os botellóns e aglomeracións de persoas no espazo público para o consumo de alcol, que se viñan producindo en fins de semana anteriores.

A Policía Local ademais inspeccionou oito locais de ocio nocturno que foron denunciados por numerosas infraccións: permitir fumar no interior, dispoñer de equipos de amplificación prohibidos xerando ruídos, carecer de información como a cartelaría sobre aforo do local, contar con extintores caducados, carecer de permiso para a instalación de terraza ou excederse no seu horario de peche, fixado ás 2:30 os venres e sábados e á 1:30 o resto dos días da semana.

Na actualidade existen varios locais con numerosos expedientes incoados por incumprimento reiterado dos horarios de peche. Un deles, situado na parroquia de Arcos, na N-120, foi clausurado recentemente de forma definitiva polo Concello por incumprir horarios en ducias de ocasións. A este sumarase a clausura doutro na vindeira semana.

Mera sinalou que “o Concello, aínda coa limitación de persoal que sofre actualmente a Policía Local, vai velar polo cumprimento das normas sanitarias e de convivencia. Os incumprimentos de horarios dunha actividade molesta como as terrazas na vía pública será obxecto de denuncia e sanción para protexer o dereito ao descanso da veciñanza. O mesmo se fará cos locais que dispondo de licenza que só os habilita a dispor de televisión ou radio empregan ilegalmente equipos de amplificación xerando ruidos molestos.” Respecto ás normas impostas pola crise sanitaria actual, o concelleiro de Bo Goberno lembrou que a Xunta prohibíu o consumo de alcol nos espazos públicos agás terrazas e que a máscara é de uso obrigatorio correctamente colocada. “Non levar a máscara ou levala na man, no queixo ou no cóbado será obxecto de denuncia e sanción. Non imos permitir que se poña en risco a saúde pública nun intre no que están a xurdir numerosos contaxios de Covid19, moitos vencellados ao ocio nocturno pola falta de cumprimento destas normas básicas”, lembrou Mera quen anunciou que o control policial especial se manterá nas vindeiras fins de semanas.