Venres, 2 Maio de 2025

A Policía Local de Ponteareas pon fin a unha festa na que participaban persoas non convivintes e sen máscara de protección

Dende o inicio da pandemia a Policía Local formulou un total de 280 denuncias por diferentes infraccións

A Policía Local de Ponteareas intervíu este pasado domingo nunha festa no barrio da Quintela, na parroquia de Bugarín, na que participaban nove persoas. Os axentes foron alertados da celebración do encontro nunha casa abandonada. Ao achegarse ao lugar comprobaron que se escoitaba música e balbordo polo que requiriron tamén a colaboración da Garda Civil para maior seguridade.

Tras adentrarse na finca e a vivenda a Policía Local descubríu a un grupo de nove persoas, todas sen máscara e realizando botellón e consumindo estupefacentes. Os axentes procederon á identificación e cacheo dos asistentes incautándose de marihuana e hachis.

As persoas identificadas foron denunciadas por realizar unha reunión entre non conviventes e sen máscara vulnerando as normas sanitarias actualmente en vigor. Ademais, ás persoas as que se lles incautou os estupefacentes foron denunciadas perante a Subdelegación do Goberno.

Na mesma tarde, a Policía Local identificou a outro grupo de tres persoas que foron denunciadas por reunirse sen ser conviventes.

Dende o inicio da pandemia, hai case un ano, a Policía Local de Ponteareas formulou un total de 280 denuncias. Entre os motivos saliéntanse o incumprimento da obriga de empregar máscara, o quebrantamento do toque de queda, saltarse o confinamento perimetral e as reunións de persoas non conviventes.