Sábado, 3 Maio de 2025

A mocidade de Ponteareas coñece a vila da man da Biblioteca Municipal

O persoal municipal está a realizar visitas guiadas cos colexios do municipio polo casco vello e o Museo

A mocidade de Ponteareas está a coñecer a vila do Tea con outros ollos esta semana. A Biblioteca Municipal está a realizar co CEIP Nosa Señora dos Remedios e o Colexio da Inmaculada visitas guiadas ao Museo Municipal e ao casco vello. A iniciativa parte das concellarías de Turismo e Cultura, que dirixen Eva Gil e Fernando Groba respectivamente, coa intención de que “os pequenos e pequenas desfruten e aprendan da nosa historia e do noso patrimonio”.

No Museo Municipal a visita pon en contacto ao alumnado coa historia de Ponteareas, observando pezas que van dende o Paleolítico ata a Idade Contemporánea. Mentres que no centro da vila os rapaces e rapazas coñecen os monumentos e feitos mais significativos da historia do concello.

Durante a visita tamén se aproveita para que o alumnado descubra o funcionamento da Biblioteca. Desta forma coñecen as vantaxes de utilizalo: como por exemplo facerse socio e poder levar libros para o seu domicilio, utilizar de maneira gratuíta os ordenadores, ter acceso a internet de balde, poder estudar tranquilamente, facer traballos en grupo, pedir libros a outras bibliotecas…

A Biblioteca de Ponteareas organiza diversas visitas: ao Castro de Troña, ao Cemiterio Municipal, a Igrexa románica de Ángoares, un percorrido pola historia de Ponteareas, visitas ao Museo Municipal… Os centros escolares e colectivos interesados tan só teñen que poñerse en contacto coa Biblioteca Municipal de Ponteareas a través do correo electrónico ([email protected]) ou chamar ao teléfono 986 660 765 para solicitar aquela visita que interese.