Aprender a coser o imprescindible para sobrevivir ao día a día. Ese é o obxectivo do novo obradoiro do programa Mocidade Viva, un curso de costura de supervivencia no que os rapaces participantes poderán achegarse en pouco tempo ás técnicas básicas dun xeito práctico. Unha nova iniciativa formativa que o Concello organiza “co obxectivo de ofrecer á mocidade ponteareá unha programa estábel de actividades lúdicas e formativas sempre cunha temática variada e atractiva que dea resposta aos seus intereses”, como explica o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó.
O obradoiro, de balde, celebrarase o vindeiro venres 23 de setembro a partir das 20.00 horas no Parque da Feira Vella. Dirixido a mozos e mozas maiores de 12 anos, as persoas interesadas en participar poderán solicitar máis información ou realizar a súa inscrición enviando un correo electrónico a [email protected].
A través deste curso, os participantes achegaranse de xeito ameno a algúns principios básicos da costura para poder realizar elas e eles mesmos pequenos arranxos como colocar unha cremalleira, coser un botón ou coller os baixos a un pantalón. “Con este e outros obradoiros e actividades ofrecemos a rapaces e rapazas espazos de lecer e socialización saudábeis a través de iniciativas lúdicas e divertidas, pero tamén didácticas e que fomenten novos valores”, salienta o edil.
Miguel Bouzó convida a toda a rapazada a participar neste novo obradoiro, así como en todas as actividades que o Concello organiza ao abeiro do programa Mocidade Viva.