A ludoteca municipal de Ponteareas está de volta. Volve abrir as súas portas para un mes de outubro cheo de xogos e diversión. As familias de Ponteareas que o desexen poden anotar aos nenos, de 6 a 12 anos, nas instalacións da ludoteca na Avenida de Castelao de 09.00 a 15.00 horas, enviando un correo electrónico a [email protected] ou no teléfono 673 79 47 60. O servizo municipal traballa sempre con grupos pequenos e cumprindo con todas as medidas de prevención dada a situación sanitaria. A ludoteca estará aberta pola tarde e cada grupo terá dúas horas á semana.
Para a inscrición é imprescindíbel achegar fotocopia do DNI de pai/nai ou titor do menor; fotocopia do DNI da nena ou neno usuario da ludoteca; fotocopia do libro de familia e os impresos que se proporcionan na ludoteca, que deben entregarse cumprimentados e asinados.
A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, anima á veciñanza a inscribir aos cativos na ludoteca municipal para que “desfruten de tardes activas, divertidas e tamén educativas”. A programación inclúe xogos, repostería e cociña, manualidades, expresión corporal e musical, saídas… e unha chea de actividades coas que os nenos poderán pásalo ben despois de saír do colexio.
A ludoteca municipal é un espazo lúdico e educativo que dende 1998 ofrece unha ampla variedade de actividades de lecer nas que os nenos son os protagonistas. Sempre cunha atención personalizada e de calidade onde o benestar da infancia é o fundamental.