Venres, 2 Maio de 2025

A escritora Isabel Blanco presenta en primicia en Ponteareas o seu novo traballo, ‘Bambú’

Ser a granada que explote nas conciencias, golpeando e removendo. Ese é o obxectivo co que Isabel Blanco deu vida ao seu último libro, ‘Bambú’, unha obra saída recentemente do forno e que a escritora presentará por primeira vez ao público esta semana en Ponteareas. “Para nós é un orgullo que a nosa vila sexa o escenario escollido por esta recoñecida autora para ensinar ao público o seu último traballo, unha obra que continúa afondando na visibilización dunha temática que tan ben recolle noutros dos seus libros”, destaca a concelleira de Igualdade, Verónica Carrera.

Como explica a propia Isabel Blanco, con ‘Bambú’ quixo crear un artefacto co que visibilizar e denunciar a violencia patriarcal no ámbito familiar e xerar unha explosión que faga espertar conciencias entre os lectores e lectoras. A presentación será na sala multiúsos do auditorio municipal este xoves 24 de novembro ás 19.30 horas, con entrada libre ata completar localidades.

Avogada especializada en dereito matrimonial e de familia, violencia de xénero e menores, Isabel Blanco publicou o seu primeiro libro en castelán en 2012 logo de gañar numerosos certames literarios. Tras ‘Historia de almas inquietas’ non tardou en chegar ‘Los mundos ajenos’ e o poemario en galego ‘Verbas cum’. Dende entón emprega o galego como lingua habitual. É autora tamén dunha triloxía dedicada ao público infantil en colaboración coa ilustradora Luz Beloso; do libro ‘Galegas na ciencia’, con textos seus e retratos de María Lapido que recolle as biografías de 20 científicas galegas que abriron as portas da ciencia a milleiros de mulleres; e do recentemente publicado ‘Galegas nas artes’, un percorrido polas rutas biográficas de 21 mulleres galegas do mundo das artes plásticas e visuais que se internaron no eido das artes coa forza do seu talento e o seu espírito de liberdade.