Domingo, 4 Maio de 2025

A Escola de Música de Xinzo modifica a súa planificación docente

Na pasada asemblea do día 5 de setembro, a directiva da Escola de Música de Xinzo deu a coñecer a nova planificación docente que entrará en vigor de cara ó vindeiro curso 2020/2021. Deste modo, a Escola propón un novo sistema educativo organizado en tres niveis: Inicial, Elemental e Complementario. A súa vez, cada un dos niveis compóñense de distintos cursos segundo os obxectivos que se buscan acadar e os contidos académicos a tratar.

No primeiro dos niveis, o Inicial, tan só poden inscribirse os novos alumnos. Consta de dous cursos: o Xardín Musical, para alumnos de cinco anos coa materia de Música e Movemento, e Iniciación, con alumnos a partir dos sete anos que comezan as clases de Linguaxe Musical e Instrumento. Cabe destacar que, con respecto a esta última materia, se o alumno aínda non se decantou por un instrumento, nas primeiras semanas mostraránselle todos os que a Escola ofrece para que poida realizar a súa elección.

Unha vez superado o curso de Iniciación e con nove anos, os alumnos poden acceder ó nivel Elemental, composto por catro cursos. As ensinanzas impartidas en cada un destes cursos aseméllanse ós contidos impartidos no Grao Elemental das ensinanzas regradas, de modo que os alumnos poderán acceder sen problema ó Grao Profesional nun Conservatorio unha vez finalizados os estudos na Escola. As materias en común nos catro cursos son Linguaxe Musical e Instrumento, mentres que Banda Infantil tan só é unha opción a partir do segundo curso e Educación vocal e auditiva, a partir do terceiro. Agora ben, o alumno poderá formar parte da banda antes do segundo ano se o seu profesor ou a directora da agrupación o consideran apto.

Ó último nivel, ó Complementario, teñen acceso todos os alumnos que remataron a formación do nivel Elemental pero desexan continuar cos seus estudos. Neste caso, o único curso do que se compón o nivel pode repetirse cantas veces se queira, tanto a materia de Linguaxe Musical como a de Instrumento. Ademais, é posible formar parte da Banda Infantil sempre que a directora non considere incompatible a diferenza de nivel ou idade do alumno coas do resto dos músicos.

Finalmente, cabe destacar a planificación que a Escola de Música realizou para os adultos que buscan comezar os seus estudos musicais ou continuar con eles sen seguir a planificación anterior. Nestes casos, flexibilizaranse os contidos e o alumno poderá seleccionar unicamente as materias do seu interese.