Domingo, 4 Maio de 2025

A Escola de Música de Xinzo celebra o seu III Concurso de Solistas

O pasado sábado 3 de xullo, a Escola de Música de Xinzo celebrou o seu III Concurso de Solistas cun auditorio cheo, aínda que respectando as medidas sanitarias necesarias. Os gañadores máis destacados foron dous frautistas: Manuel García na categoría C, interpretando Sonata en La Menor de Bach, e Claudia Gregores na categoría B, con Sonata en Fa Maior de Vivaldi.

Cada músico presentou unha obra que foi valorada e puntuada polo xurado, composto polos profesionais Alejandro Otero, Javier Blanco e Antonio Vázquez. Un total de dezanove músicos participaron no concurso, divididos en tres categorías diferentes: A (os que cursan primeiro ou segundo nivel elemental); B (en terceiro e cuarto nivel elemental ou menores de 18 anos), e C (alumnos de nivel complementario maiores de 18 anos).

Na categoría A, onde participaron os máis pequenos, todos foron premiados polo seu esforzo e valentía ao subirse, algúns deles, por primeira vez a un escenario. A todos concedéuselles un obsequio en honra á súa participación.

Na categoría B, o terceiro posto foi para a percusionista Uxía Collazo e o segundo, para Sara Bernárdez, que tocou o clarinete. A gañadora foi a mencionada Claudia Gregores, cun resultado moi axustado que xustificou a hora de deliberación do xurado antes de anunciar aos gañadores.

E na categoría C, a máis alta das tres, dous músicos disputáronse o primeiro posto. Finalmente foi Manuel García quen levou o premio, mentres que o trompetista Ángel González quedou en segunda posición.