Mércores, 14 Maio de 2025

Os froitos secos, tema principal das segundas xornadas de oportunidades de desenvolvemento no medio rural de Mondariz

Superada a emerxencia sanitaria que trouxo a Covid-19, o Concello de Mondariz recupera este último trimestre de 2021 varias actividades iniciadas en 2019 que foron suspendidas o ano pasado. Unha destas actividades son as xornadas de oportunidades de desenvolvemento no medio rural, organizadas directamente pola Concellería de Desenvolvemento Económico e Turismo que dirixe o alcalde, Xosé Emilio Barros, co obxectivo estratéxico de promover iniciativas de recuperación de terras abandonadas e valorar as oportunidades de emprendemento que ofrece a contorna.

Esta segunda edición, programada para o día 6 de novembro, xirará arredor dos froitos secos e, máis en concreto, do cultivo da abelá para a súa comercialización e transformación produtiva. Ao igual que na primeira edición –realizada en 2019 arredor da fruticultura e os produtos derivados da mazá, como a sidra–, as xornadas contarán coa participación de persoas de referencia no sector, tanto no ámbito da investigación como no do desenvolvemento de negocios e mercados.

“O Concello de Mondariz está comprometido cun desenvolvemento socioeconómico sostible do medio rural e nos últimos anos ten acollido varias xornadas formativas e informativas sobre as oportunidades de desenvolvemento agrogandeiro organizadas en colaboración con outras entidades, a última delas sobre planificación e deseño de plantacións de castiñeiro para froito. Estas xornadas de oportunidades de desenvolvemento no medio rural, no entanto, forman parte dun programa anual promovido e organizado directamente polo Concello de Mondariz”, explica o alcalde, Xosé Emilio Barros.

O evento, que terá lugar no Centro Social de Mondariz con entrada libre e gratuíta até completar a cabida permitida, comezará ás 10:00 horas, coas palabras das autoridades e primeira das ponencias, a cargo de Francisco Javier Silva Pando, xefe do departamento de Ecosistemas Forestais do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, que introducirá o tema dos froitos secos en Galicia falando das súas características e do seu aproveitamento. Despois dunha pausa para o café, ás 12:00 horas está prevista unha ponencia de Pedro Álvarez Durán, director de operacións e planta da empresa El Nogal, sobre a transformación, o envasado e a comercialización dos froitos secos.

As xornadas continuarán en horario de tarde, a partir das 17:00 horas, cunha terceira ponencia a cargo de Juan Carlos García, técnico no centro de investigación Serida (Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario de Asturias), unha referencia estatal na investigación sobre cultivos de abelá e recuperación de variedades tradicionais. A última das ponencias corresponderá a Manuel Álvarez, promotor adicado á produción de abelá na comarca da Paradanta, que compartirá a súa experiencia de plantalación de abeleiras para froito en Crecente. Seguindo a mesma estrutura que na primeira edición, as xornadas rematarán ás 19:00 horas cunha degustación de froitos secos e produtos derivados da abelá.

“Detrás da organización destas xornadas hai meses de traballo, tanto para buscar ás persoas máis expertas na materia como para axendar as ponencias. A pandemia e as restricións relacionadas imposibilitaron a organización das xornadas o ano pasado, pero tiñamos claro que había que recuperar estas actividades canto antes para promover unha dinamización do rural desde a perspectiva do emprendemento no sector primario, que ten enormes oportunidades en concellos como o de Mondariz”, afirma Barros.

Na misma liña estratéxica, o Concello de Mondariz vén de aprobar a creación dun novo viveiro de empresas en espazos públicos municipais para facilitar as actividades de xestión e comercialización das empresas e das persoas emprendedoras na súa etapa inicial. Malia que o viveiro de empresas tan só inclúe polo momento espazos para oficinas no edificio do Centro Social e espazos para postos de venda no da Praza de Abastos, o Goberno municipal ten en mente habilitar o edificio do antigo matadoiro nun futuro para actividades de transformación, chegando a cubrir deste xeito as necesidades de xestión, comercialización e transformación que poidan ter as novas iniciativas empresariais. “É un concepto de coworking adaptado ás necesidades do sector agroalimentario, por iso vemos importante incluír nun futuro espazos para a transformación de produtos agrogandeiros”, indica Barros.