Venres, 2 Maio de 2025

O encontro científico-técnico de ‘Pinus pinaster’ impulsa a confluencia da investigación científica coa xestión operativa do monte

O evento celebrado en Mondariz, que xuntou a 40 expertos de Galicia e Norte de Portugal durante 2 días, abordou unha folla de ruta que pasa pola mellora xenética, a silvicultura e o aumento da rendibilidade para propietarios

A Asociación Forestal de Galicia desenvolveu durante dous días un encontro científico–técnico transfronteirizo sobre os montes de ‘Pinus pinaster’, coñecido popularmente como piñeiro do país ou piñeiro bravo. O encontro impulsou a confluencia da investigación científica e da xestión do monte en Galicia e Norte do Portugal, pois o evento contou con investigadores, propietarios forestais, empresas de servizos forestais e aserradoiros de transformación da madeira.

O obxectivo do evento foi o de debuxar a folla de ruta para o ‘Pinus pinaster’ nos próximos anos en Galicia e Norte de Portugal, ante retos como o cambio climático e o avance de pragas e enfermidades.

As conclusións do evento apuntan á necesidade de proseguir os esforzos en mellora xenética, unida a unha silvicultura dirixida a obter madeira de maior calidade e que sexa máis rendible para os propietarios.

[su_image_carousel source=”media: 82303,82302,82301,82300,82299″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

No debate do encontro, reflexionouse sobre cuestións como os modelos silvícolas a aplicar en monte ou as vantaxes da introdución de planta mellorada nas novas plantacións.

Visitas a monte

Como parte deste encontro, fixéronse visitas a monte a unha parcela de ensaios de ‘Pinus pinaster’ ubicada no monte veciñal de Soutelo (Salceda de Caselas), instalada no 2021 de xeito conxunto polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán e a Asociación Forestal de Galicia. Trátase dunha parcela na que se están ensaiando un total de 12 xenotipos resistentes ó nematodo do piñeiro.

Outra das visitas técnicas foi ó monte demostrativo de Mouriscados (Mondariz), impulsado pola Asociación Forestal de Galicia en colaboración coa comunidade de montes veciñais de Mouriscados (Mondariz). No monte demostrativo de Mouriscados visitáronse traballos de plantación con planta mellorada, procedente de estaquilla, así como unha plantación experimental de 2,7 hectáreas de planta resistente ó nematodo do piñeiro.

O percorrido polo monte veciñal de Mouriscados concluíu nunha zona na que, tras un recente incendio, restauráronse antigas terrazas. É un traballo que se fixo con material controlado de ‘Pinus pinaster’, acompañado de rexeneración natural, e de franxas de bidueiros en determinadas zonas.