Sábado, 3 Maio de 2025

O documental sobre a tradición cesteira de Mondariz continúa a súa xira polos roteiros xacobeos en Arzúa

O documental, enmarcado nun proxecto de recuperación do oficio tradicional de cesteiro en Mondariz, está producido pola compañía EscénaTe e conta con recoñecidos cineastas galegos no seu equipo artístico, como o director Fon Cortizo e o guionista Alexandre Cancelo.

A historia do último mestre cesteiro de Mondariz, Enrique Táboas, serve de fío para tecer narrativamente a memoria colectiva do oficio e os aspectos culturais que o rodeaban, como o verbo dos cesteiros da localidade e a íntima relación coa natureza.

Despois da súa estrea oficial no Concello de Mondariz o pasado 30 de xullo, en véspera da Feira dos Oficios Artesáns desta localidade, o documental iniciou o 20 de agosto unha xira por diferentes roteiros xacobeos que continúa mañá venres, día 3 de setembro, no concello de Arzúa.

Venres, 3 de setembro: proxección itinerante en Arzúa

O documental, rodado no mes de maio en diversas localizacións de Galicia, foi presentado oficialmente o 30 de xullo de 2021 no Concello de Mondariz, en véspera da 32ª edición da Feira dos Oficios Artesáns desta localidade. No contexto do programa O Teu Xacobeo, o proxecto tamén inclúe unha xira de presentación por diferentes concellos atravesados por roteiros xacobeos que continúa este venres, 3 de setembro de 2021, no Concello de Arzúa.

Esta itinerancia conecta coa propia tradición dos cesteiros de Mondariz, que se desprazaban a outras localidades con maior demanda de cestos coas súas ferramentas ao lombo para traballar como artesáns residentes. Así mesmo, a presentación itinerante permite unir culturas cesteiras que se desenvolveron en diferentes lugares da xeografía galega a través do intercambio de saberes e memorias.

O documental, producido polo Concello de Mondariz a través dunha subvención do programa O Teu Xacobeo, será presentado por representantes políticos do propio Concello de Mondariz, firmemente comprometido coa recuperación deste oficio artesán. Nalgunhas das proxeccións estará acompañado polo produtor executivo da obra, Santiago Pérez (EscénaTe).

No concello de Arzúa, o documental será presentado ás 20:00 horas na Capela da Madalena.