12 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizO centro de ocio e deporte urbano de Mondariz, máis preto da...

    O centro de ocio e deporte urbano de Mondariz, máis preto da súa apertura

    O Campo da Minada, situado no centro urbano de Mondariz, disporá proximamente dun centro de ocio e deporte urbano que permitirá a rehabilitación integral para o uso público desde importante espazo municipal. Xa están en marcha as obras da segunda e derradeira fase de construción deste ambicioso e estratéxico proxecto, iniciado en 2021 co innovador circuíto asfaltado de pump track, o maior do seu tipo en Galicia naquel momento, con 1.200 m² de superficie.

    “O muro de formigón que separaba visualmente este espazo público da avenida Grupo Escolar xa foi derrubado. A empresa adxudicataria está avanzando nas obras e nas próximas semanas xa poderemos ver como se levantan pistas multideportivas e de skating, un circuíto de calistenia ou un pequeno rocódromo sobre o antigo e degradado campo de fútbol”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

    Este proxecto, que previsiblemente estará rematado antes das eleccións municipais de maio, leva xestándose desde os primeiros anos do mandato do Goberno municipal. En 2021, mesmo en tempos de pandemia, xa se construíu un circuíto asfaltado de pump track neste mesmo recinto municipal do Campo da Minada con 48.399,44 € do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra. Con 1.200 m² de superficie, o pump track de Mondariz era no seu momento o circuíto asfaltado máis grande de Galicia. Esta innovadora actuación, que atende as actuais demandas de ocio da mocidade local, foi moi ben acollida dentro e fóra da localidade, situando a Mondariz como un referente. 

    Naquel momento xa se proxectaba converter o antigo e degradado campo de fútbol don Campo da Minada nun centro de ocio e deporte urbano. A oportunidade para emprender estas ambiciosas obras chegou a través do Plan Reacciona Pontevedra (ReacPon) da Deputación de Pontevedra, que subvencionou o proxecto con 392.079 euros, o 90% do orzamento previsto.

    “O centro de ocio e deporte urbano do Campo da Minada é un dos numerosos proxectos urbanísticos que estamos levando a cabo para situar as persoas no centro do espazo público e articular o desenvolvemento económico e turístico da localidade”, comenta Barros. 

    Nos últimos catro anos, o Concello de Mondariz ten solicitado e recibido numerosas e cuantiosas subvencións públicas para emprender proxectos de gran impacto, orientados todos eles á modernización de infraestruturas e servizos municipais. O desenvolvemento do centro de ocio e deporte urbano do Campo da Minada é un deles, pero tamén destacan actuacións como o cambio a LED de toda a rede municipal de alumeado público, a rehabilitación de edificios públicos para gañar aforro e eficiencia enerxética, a ampliación e mellora da senda fluvial de Laredo e a rehabilitación integral da antiga escola unitaria de Redo na parroquia de Vilar, todos eles con financiamento asegurado e xa rematados ou en fases de execución e licitación. A estes súmanse os proxectos de humanización e modernización que se están planificando ao abeiro do plan Ágora da Deputación de Pontevedra, así como os importantes recursos investidos na mellora das vías públicas, do abastecemento de auga e do servizo de xestión de residuos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.