Mondariz Campaverán 2022 desenvolverase durante os meses de xullo e agosto, de luns a venres (agás festivos) en horario de 9:00-14:00 horas, nas instalacións do antigo CEIP Riofrío-Vilar (Pe do Muíño, s/n, parroquia de Riofrío), sede actual da Escola Municipal de Música de Mondariz. Un ano máis, esta actividade está dirixida a familias con nenos e nenas de 3 a 12 anos de idade, con necesidades de conciliación laboral, familiar ou persoal por estar traballando, ter persoas dependentes ao seu cargo, realizar un curso de formación ou atoparse en situación de especial vulnerabilidade. Aínda que as persoas empadroadas no Concello de Mondariz teñen preferencia na asignación de prazas, o empadroamento non é un requerimento de obrigado cumprimento.
As bases de participación no Mondariz Campaverán 2022 e o formulario de inscrición xa están publicados na Sede Electrónica do Concello de Mondariz para a súa consulta pública. O prazo para solicitar praza estará aberto entre o 7 e o 21 de xuño.
O campamento admite un total de 50 prazas e permite unha participación completa (dous meses) ou parcial (unha quincena ou un mes). Así mesmo, posibilita una ampliación de horario (8.30-14.30 horas) mediante o Servizo de Garda. Durante o período non lectivo de verán, preséntase como unha alternativa de lecer e tempo libre que axuda a fomentar o desenvolvemento integral dos nenos e das nenas participantes a través dunha educación en valores.
As solicitudes poderán presentarse presencialmente na OMIX do Concello de Mondariz de luns a venres, de 9.00 a 14.30 horas, por correo electrónico ([email protected]) ou a través da sede electrónica, mediante instancia xeral, adxuntando a documentación correspondente.
Piscina pechada durante o verán
No mesmo recinto do antigo CEIP Riofrío-Vilar (Pe do Muíño, s/n, parroquia de Riofrío) que acolle un ano máis o Mondariz Campaverán 2022 sitúase a piscina municipal, que permanecerá pechada durante os meses de verán debido á necesidade de emprender obras nas instalacións.
Nos últimos anos, a piscina municipal estivo pechada polos riscos epidemiolóxicos asociados á situación sanitaria. O deterioro das instalacións, con todo, obriga a realizar varias obras de reparación que requiren destinar importantes recursos municipais.
“Existe unha desproporcionalidade manifesta entre o gasto xerado para a posta en marcha e o escaso uso que se fai da instalación, xa que no Concello de Mondariz hai numerosas praias fluviais e zonas de baño nos ríos que atraen tradicionalmente á veciñanza. A isto hai que sumar as dificultades existentes para dispoñer de socorristas”, explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.