Domingo, 23 Marzo de 2025

Mondariz prepara unha zona azul gratuíta no centro urbano

A medida conta, segundo o Goberno local, co respaldo do comercio local amosado nunha recente reunión informativa

Os comerciantes e hostaleiros de Mondariz, tanto os membros de Merca Mondariz coma os que non forman parte desta asociación, foron convocados recentemente polo goberno a unha reunión informativa sobre a nova zona azul gratuíta que se prepara no centro urbano e a próxima campaña de Nadal.

“Unha vez renovado o contrato de aluguer polo terreo que acolle actualmente o aparcadoiro público municipal, o goberno transmitiu aos comerciantes e hostaleiros da vila o seu plan de crear unha zona azul gratuíta no centro urbano nos primeiros meses de 2020 para fomentar a mobilidade de vehículos”, explica o alcalde e concelleiro de Desenvolvemento Económico e Turismo, Xosé Emilio Barros. “Detrás desta medida non hai unha intención recadadora, senón a vontade de satisfacer unha demanda do comercio local”, matiza.

Aínda que todavía é cedo para explicar o funcionamento desta zona azul gratuíta, o goberno ten en mente aplicar un sistema de discos horarios coa colaboración dos comerciantes e hostaleiros locais e habilitar máis espazos de aparcamento no centro urbano. “As normas desta zona azul gratuíta estableceranse nunha futura ordenanza reguladora”, sinala Barros.

Durante a reunión tamén se informou aos comerciantes e hostaleiros da programación municipal de Nadal. O alumeamento especial da tempada acenderase o sábado, 7 de decembro. Este ano, como novidade, instaláronse arcos de luz en todas as parroquias. Coa fin de reducir costes ante a difícil situación financieira do Concello, a concellería de Cultura encabezada por Anxos Carballo buscou opcións económicas e creativas para decorar a vila e organizar a Cabalgata dos Reis Magos.

Durante a tempada de Nadal tamén haberá ambientación musical a través de megafonía. Durante a reunión, o goberno ofreceu aos comerciantes e hostaleiros da vila a posibilidade de utilizar este servizo para anunciarse mediante cuñas publicitarias.