Sábado, 3 Maio de 2025

Mondariz organiza un curso gratuíto de panadaría e pastelaría

Este programa formativo de inserción laboral, subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, diríxese a mulleres en situación de desemprego ou mellora de emprego

Esta semana (venres, 11 de setembro) remata o prazo para inscribirse no curso gratuíto de panadaría e pastelaría que organiza o Concello de Mondariz nos meses de outubro e novembro de 2020, no marco do proxecto municipal “Mondariz: outra perspectiva de xénero, unha nova ollada”.

Trátase dun programa formativo teórico-práctico de 146 horas de duración dirixido a mulleres que se atopen en situación de desemprego ou mellora de emprego, xa que depende dunha subvención da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. “Ademais de ofrecer novas oportunidades de inserción laboral, este programa de formación busca pór en valor un sector con grande tradición en Mondariz, que foi e segue sendo terra de panadeiros”, comenta o alcalde da localidade, Xosé Emilio Barros.

O curso, que conta con 60 horas de prácticas non laborais en empresas do sector, terá lugar no antigo CEIP Riofrío-Vilar (sede actual da Escola Municipal de Música de Mondariz) en horario de mañá (09:00-14:00 horas).

As mulleres interesadas poden contactar coa Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Mondariz a través de teléfono (986 664 306 / 680 964 461) ou correo electrónico ([email protected]) para presentar a súa solicitude de inscrición. O prazo remata ás 14 horas do 11 de setembro. Podes descargar o cartel da actividade nesta ligazón.