8.9 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizMondariz continúa mellorando o campo municipal de fútbol da Lagoa

    Mondariz continúa mellorando o campo municipal de fútbol da Lagoa

    Os investimentos municipais nestas instalacións deportivas superarán este ano os 70.000 euros

    O Concello de Mondariz ten proxectado este ano mellorar a accesibilidade do campo municipal de fútbol da Lagoa, cun investimento de 62.000 euros. Estas obras suporán unha remodelación da bancada e doutros elementos destas instalacións deportivas que aínda non están adaptados ás persoas usuarias con problemas de mobilidade. Desta suma, 40.000 euros estarán financiados pola Xunta de Galicia e os 22.000 euros restantes, pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2022.

    Estas, con todo, non son as únicas obras de mellora que realiza o Concello de Mondariz no campo municipal de fútbol da Lagoa este ano. Nos últimos meses instaláronse equipamentos para o tratamento de auga grazas a un investimento de case 10.000 euros, procedente do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra. “Esta subministración tiña dous obxectivos principais: por unha banda, potabilizar a auga das instalacións deportivas, e por outra, controlar con maior eficiencia o consumo e o almacenamento de auga”, explica Poldo Tato, concelleiro de Deporte e Medio Ambiente.

    O campo municipal de fútbol da Lagoa fora modernizado en 2019 grazas ao financiamento da Deputación de Pontevedra, a través do Plan de Reequilibrio e do Plan Concellos 2018 e 2019. Aquela actuación supuxo melloras nos baños e vestiarios, mais non considerou aspectos importantes como o sistema de potabilización e control da auga subministrada ou a accesibilidade ao recinto.

    “Decidimos instalar un completo sistema de potabilización, con bomba dosificadora de cloro, contador e depósito de aceiro de 200 litros, para garantir a salubridade da auga para o consumo humano. Aproveitamos as obras para implementar un sistema de control do gasto de auga e prever o seu almacenamento mediante un alxibe para os períodos estivais de seca”, comenta Tato. “Con estas reformas, non só se asegura a subministración de auga para os vestiarios, senón tamén para regar o campo natural durante o verán”.

    No tocante á accesibilidade, até agora non existían prazas de aparcamento adaptadas e reservadas para usuarias con cadeira de rodas. Tampouco prazas adaptadas para usuarias con cadeira de rodas no campo de fútbol de herba natural e un itinerario que una estas prazas coas novas instalacións (cafetería, baños adaptados e vestiarios). Respecto da bancada, unha das dúas partes non fora modificada e presenta importantes problemas de accesibilidade. “Con este investimento de 62.000 euros queremos garantir o dereito de accesibilidade universal”, sinala Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.