16.7 C
Pontevedra
Mércores, 8 de Maio de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizMondariz celebra o mes da lingua cunha intensa programación de actividades socioculturais

    Mondariz celebra o mes da lingua cunha intensa programación de actividades socioculturais

    Ao ciclo de cinema galego súmanse varios eventos culturais relacionados coas artes escénicas que poñen en valor a lingua no mes das Letras Galegas

    O Concello de Mondariz continúa este mes de maio cunha intensa programación primaveral de actividades socioculturais para celebrar a nosa lingua. Ademais de proxectarse varios filmes en galego nas instalacións do auditorio municipal, habilitado desde o ano pasado cun equipamento audiovisual de calidade cinematográfica, están programados varios obradoiros de teatro comunitario e espectáculos de artes escénicas para todos os públicos. Na semana das Letras Galegas tampouco faltarán homenaxes ao poeta da diáspora Florencio Delgado Gurriarán.

    Ciclo de cinema galego

    O Concello de Mondariz segue comprometido un ano máis coa programación cinematográfica no auditorio municipal. Despois do éxito de público acadado polo ciclo de filmes inspirados en obras literarias do mes de abril, en maio ofrécese un ciclo de cinema galego que inclúe títulos como “Bella e o circo máxico” (8 de maio, 19:00 horas), “Eroski Paraíso” (20 de maio, 22:00 horas) e “Valentina” (27 de maio, 10 horas, exclusivo para o alumnado do CPI de Mondariz).

    Espectáculos de artes escénicas

    O 16 de maio, en véspera do Día das Letras Galegas, chegará ao auditorio municipal de Mondariz a obra de teatro “A parábola do angazo”, da compañía galega Talía Teatro. A elección deste espectáculo non é casual. “A parábola do angazo” preséntase como unha ollada ao noso pasado, a través da nosa lingua, que ten moito que dicir.

    Nesa mesma semana dedicada ás Letras Galegas tamén haberá espectáculos familiares como “O galego, que riquiño” (17 de maio, ás 19:00 horas, nos Xardíns do Concello) e unha homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán a través dun espectáculo de contacontos (21 de maio, ás 19:30 horas, nos Xardíns do Concello).

    Mais o teatro non se reduce a estes eventos. Na programación cultural de maio figuran outras dúas representacións protagonizadas por veciños e veciñas da localidade, no marco de dous obradoiros de teatro social comunitario realizados entre os meses de abril e maio. O día 15, as persoas participantes no obradoiro “Acciona o rural” promovido pola Deputación de Pontevedra ofrecerán unha representación no centro urbano de Mondariz sobre as 12:00 da mañá, coincidindo doa feira dominical. O día 29, a partir das 19:30 horas, as persoas participantes no obradoiro de teatro a prol da igualdade que dirixe Avelina Pérez realizarán a súa representación final no auditorio municipal.

    A estas actividades súmanse os obradoiros de teatro comunitario iniciados este mes nas parroquias de Sabaxáns e Toutón para recuperar a memoria da vida no rural desde as artes escénicas.

    Trail Orixes e Entroido de Verán para completar o mes

    A programación do mes de maio complétase con eventos socioculturais de gran popularidade que a pandemia deixara en suspenso, como a cuarta edición do Trail Orixes Mondariz (21 de maio, a partir das 08:00 horas) e o Entroido de Verán (28 de maio, a partir das 18:00 horas).

    Para este sábado, 14 de maio, está programada unha actividade de escapismo e orientación urbana titulada “Noite Meiga” que xa ten as súas prazas cubertas. O período de inscrición para participar no concurso de carrozas e comparsas do Entroido de Verán remata este venres, 13 de maio, mentres que o prazo para inscribirse no IV Trail Orixes Mondariz conclúe o próximo luns, 16 de maio, ás 23:59 horas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.