Venres, 2 Maio de 2025

Mondariz avanza nos traballos para unha nova captación de auga no barrio do Couto

Esta semana, veciños da parroquia de Lougares puideron sentir os ruídos dunha escavadora no barrio do Couto. Baixo a atenta mirada do concelleiro de Mobilidade e Urbanismo, Leopoldo Tato, os operarios avanzaron na apertura dunha nova e necesaria captación de auga, que busca minorar os frecuentes problemas de escaseza de auga durante os meses de verán. Esta actuación, que chega a uns días da sesión plenaria de investidura deste sábado 17 de xuño, está financiada pola Deputación de Pontevedra, a cargo do Plan Concellos 2023, e forma parte do intenso programa de melloras na rede municipal de abastecemento de auga que desenvolveu o Goberno municipal, con Xosé Emilio Barros como alcalde, desde o ano 2019.

En marzo deste ano, malia estar xa no último treito do mandato, o Goberno municipal xa anunciou a súa participación na solicitude conxunta do PERTE de dixitalización do ciclo da auga que liderou a Deputación de Pontevedra. Opta, polo tanto, a uns 600.000 euros de fondos europeos para a modernización integral das actuais instalacións da rede municipal de abastecemento de auga. Este proxecto foi resultado de traballos previos para analizar a situación, avaliar necesidades e planificar actuacións. Entre os anos 2021 e 2023, ademais, realizouse un plan municipal de abastecemento autónomo, financiado por Augas de Galicia, para que as traídas veciñais tamén puidesen dispoñer de información técnica precisa sobre a situación das infraestruturas de cara a planificar futuras melloras na tradicional rede de abastecemento autónomo, de suma importancia no entorno rural.

Os investimentos na mellora de infraestruturas relacionadas co abastecemento de auga foron constantes durante o último mandato. O Goberno municipal atopouse en 2019 con practicamente a totalidade das captacións e mananciais de auga que abastecen as parroquias de Vilar, Riofrío, Mondariz, Lougares, Toutón e Frades en situación irregular, o cal demostraba o estado de abandono e desleixo político-administrativo durante anos. Procedeu a tramitar a legalización dunha decena de captacións e tamén planificou progresivas melloras substanciais en depósitos de auga como o do muíño de Luís, que abastece boa parte do centro urbano de Mondariz. Entre os anos 2021 e 2022 realizáronse traballos de impermeabilización interior para evitar filtracións de auga, así como unha adecuación dos tubos á normativa. O custo da intervención municipal superou os 90.000 euros, que se financiaron a través da Xunta da Galicia (50.000 euros) e da Deputación de Pontevedra (41.000 euros). En 2020, ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, tamén se fixeran obras no depósito de Santa Baia, na parroquia de Lougares, e no tubo que abastece de auga á parroquia de Vilar. “Deixamos pendente de licitar a renovación do depósito de Riofrío, con cargo ao Plan Concellos 2023”, anuncia Xosé Emilio Barros, alcalde en funcións de Mondariz.