A proposta do goberno municipal é actualizar as tarifas das taxas e dos impostos co fin de evitar o deterioro dos servizos prestados polo Concello, co obxecto último de poder antelos e viabilizar a súa prestación. O alcalde, X. Carlos Montes Bugarín, manifestou que “o obxectivo prioritario é mellorar a calidade dos servizos públicos que presta o Concello”, que son claramente deficitarios. Mónica Vázquez, concelleira de Facenda, informou á corporación que “o incremento dos custes destes servizos acentuouse debido á inflación, o que provocou que se encarecese a prestación dos servizos públicos e a consecuente perda de calidade dos mesmos ao non aumentar as fontes coas que se veñen financiando”.
Na maioría dos casos, estes impostos e taxas levaban sen actualizar dende 2011 ou 2012, isto é, máis de 10 anos. Por iso propuxemos ao pleno a súa actualización coa variación do IPC destes últimos 10 anos, que sería como máximo un 17,7 %, tendo en conta que esta medida, en termos medios, vai ter un impacto asumible sobre a economía dos veciños e veciñas de Mondariz.
Para presentar esta proposta, a Concellería de Facenda elaborou un informe para estimar o impacto que tería esta actualización sobre a veciñanza. “En termos medios, o impacto acumulado sobre un veciño de renda media ao que se lle aplicasen conxuntamente as taxas a modificar, sería de menos de 50 euros máis ao ano do que viña pagando no 2022”.
Simulación aumento taxas unidade familiar
Impacto sobre renda media dispoñible dun veciño medio de Mondariz
Coa proposta que hoxe aprobou o pleno, un turismo A-1 que pagaba 16,30 € ao ano
pasará a pagar 19,18 €, e unha motocicleta F-2 que pagaba 5,70 € pasará a pagar 6,72 €. Un camión C-1 que pagaba 54,55 pagará 64,27 € e os tractores D-1, que pagaban 22,80 € pagarán agora 26,86 €.
Noutra orde de cousas, a taxa pola utilización da rede de sumidoiros dunha vivenda convencional pasa de 64,7 €/ano a 76,15 €, e o subministro de auga de ata 15m3 de 2,6 € a 3,06 €. Se falamos da taxa pola recollida de lixo, o servizo medio pasa de 40,25 € a 47,37 euros.
Na actualidade a prestación de servizos por parte do Concello estase facendo a cambio dun sobre custo que non é asumible a longo prazo, por iso se pretende reverter esta tendencia, harmonizando as taxas e impostos cos dos outros concellos da nosa comarca.
Case 1 millón de euros de débeda
A débeda actual do Concello de Mondariz é de 934.806,15 €, sendo a maior parte procedente de gasto corrente (863.535,58 €) e o restante, gasto de capital (71.270,57 €). Ao non dispoñer de crédito orzamentario para estes gastos, o Concello deberá proceder a un recoñecemento extraxudicial para pagar aos provedores.
O Concello deberá proceder a un recoñecemento extraxudicial para pagar aos provedores.
Esta situación provocou que algúns provedores ameazaran con deixar de prestar os servizos e mesmo nalgún caso que de cortasen o subministro, caso dunha empresa que prestaba o
servizo de internet ao Concello. Con esta actualización fiscal e outras medidas de control de
gasto o Goberno espera reverter esta situación para os vindeiros anos.