Venres, 2 Maio de 2025

Mondariz abre a inscrición para o concurso de carrozas e comparsas do Entroido 2023

As bases do XIV Concurso de Carrozas e Comparsas do Entroido 2023 están publicadas na Sede Electrónica municipal. As persoas interesadas poden inscribirse até o 17 de febreiro incluído no Rexistro Xeral do Concello de Mondariz.

O Concello de Mondariz xa ten publicadas as bases do XIV Concurso de Carrozas e Comparsas do Entroido 2023 no taboleiro de anuncios da súa Sede Electrónica (mondariz.sedelectronica.gal). O evento terá lugar o domingo 19 de febreiro pola tarde, e o prazo de inscrición no Rexistro Xeral municipal rematará o venres 17 de febreiro, ás 14:00 horas.

Nesta ocasión, a organización do Entroido 2023 corre a cargo do propio Concello de Mondariz porque a asociación de veciños/as que habitualmente actuaba como entidade organizadora non pode asumir a responsabilidade. Para o tradicional concurso de carrozas e comparsas destínanse este ano 3.200 €. Establécense premios para as mellores comparsas (150 € para comparsas de entre 12 e 20 participantes, 250 € para comparsas de máis de 20 participantes) e para carrozas (250 € para carrozas de entre 15 e 30 participantes, 400 € para carrozas de máis de 30 participantes). Tamén haberá premios por categorías: á comparsa con mellor vestiario, 100 €; á comparsa máis creativa, 100 €; á carroza máis elaborada, 150 €; á carroza máis creativa, 150 €; e ao colectivo con mellor animación de rúa, 100 €. O premio especial á creatividade será de 100 €. Pechadas as inscricións, poderán inscribirse igualmente outras agrupacións, pero sen dereito a premios.

O desfile do Entroido 2023 de Mondariz iniciará o seu percorrido no CPI de Mondariz (avenida Grupo Escolar) ás 17:00 horas. Nesta edición agárdase recuperar a normalidade perdida pola pandemia.