Sábado, 3 Maio de 2025

Finalmente Mondariz celebrará a feira tradicional o vindeiro 14 de agosto

Xoán C. Montes Bugarín “Calis”, portavoz de AporM, vén de censurar ao goberno local por intentar suspender a feira dominical do vindeiro día 14. O alcalde avisou o pasado xoves pola tarde, a través dunha mensaxe de texto, aos vendedores ambulantes que decidira anular a feira dese día por coincidir co primeiro día das festas patronais.

Inicialmente o goberno suspendeu a feira do día 14 sen motivo, xa que, ata o de agora, sempre se celebrou cando cadraba nesa data. Ademais, esta decisión do alcalde incumpre a ordenanza que regula a feira dominical, que inclúe no seu artigo 8 a periodicidade da feira: “Os días de mercado serán tódolos domingos do ano, agás que coincida coas festas locais (15 e 16 de agosto), Nadal e Ano Novo. No caso de que o domingo coincida con outro festivo2, o Concello determinará a súa celebración, con antelación suficiente”.

AporM lamenta que non se contase cos feirantes para tomar a decisión de común acordo. Pola contra, o goberno local tomou esa decisión de forma unilateral, o que crea un clima de malestar e insatisfacción que non axuda en nada á feira.

Finalmente o goberno municipal de Mondariz mudou de parecer ante a presión razoada dos feirantes, xa que estes domingos de agosto son os de maior afluencia de público en Mondariz ao longo de todo o ano.

Un lugar inadecuado

O pasado domingo, 7 de agosto, o goberno municipal tamén decidiu trasladar a tradicional feira que se celebra na praza de Mondariz ao aparcadoiro da rúa San Gregorio por causa da celebración do Día dos Oficios Artesáns. Para Montes Bugarín este non é o sitio apropiado, xa que se trata dun lugar habilitado para o estacionamento de vehículos con chan de terra que, especialmente no verán, está cheo de po, pedras e carece de árbores para aplacar a calor sufocante, o que fai del un lugar impropio e inadecuado para a ese fin.