Venres, 2 Maio de 2025

En outubro, Mondariz sube o telón

O Concello de Mondariz aposta novamente pola cultura abrindo o telón a un mes de outubro que estará pleno de teatro. Desta volta, a veciñanza ten un papel claramente protagonista. Primeiro, os veciños de Gargamala interpretarán a obra ‘O parque da rula’ o día 7 e os de Meirol darán vida a ‘O-Vella’ o día 14.

Doutra banda, a asociación de teatro veciñal Seliña, do Concello de Arbo, participará neste mes de Teatro cunha representación o día 29 na que poñerán en escea a obra ‘Menuda familia’.

Mondariz tamén poderá desfrutar de ‘As que limpan’, obra reivindicativa que chega da man da afamada compañía teatral a Panadaría. Será o día 21. Todas as representacións terán lugar no Auditorio Municipal con entrada gratuíta ata completar o aforo.

Son, sen dúbida, datas que a veciñanza de Mondariz, e todas e todos os amantes do teatro, non poden esquecer.