Venres, 2 Maio de 2025

Concerto hoxe de Fillas de Cassandra en Mondariz

O dúo Fillas de Cassandra ofrecerá hoxe luns, 14 de agosto, un concerto en Mondariz, dentro da programación das festas locais deste concello. A actuación, que comezará ás 23:00 horas no escenario da praza de España, enmárcase no programa provincial “Musigal”, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra para contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia e tamén como instrumento para fomentar o uso e a normalización social da lingua.

O grupo Fillas de Cassandra está formado polas viguesas Sara Faro (voz e percusión) e MaríaSOA (voz, percusión e piano). A súa música é froito da aposta pola recuperación das melodías tradicionais e a creación de novas líricas, inspiradas no canto de tradición oral pero tamén influenciadas polo pop, a electrónica e a música clásica, viaxando dende o contrapunto do barroco ata o techno.

O espectáculo que propoñen en vivo apóiase no piano, percusións e harmonías vocais apoiadas por bases electrónicas. Está baseado nos temas incluídos no seu primeiro traballo discográfico, ‘Acrópole’, que bebe tamén do teatro. Fillas de Cassandra convidan o público a ser parte dun percorrido ao longo da historia, da man dos nomes das heroínas da mitoloxía clásica.