Domingo, 4 Maio de 2025

Charlas e representacións teatrais para conmemorar o 25N en Mondariz

Este mes de novembro, a programación de actividades socioculturais do Concello de Mondariz está marcada un ano máis pola conmemoración do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Despois da exitosa representación teatral da obra “Invisibles” o pasado 12 de novembro e da proxección de tres películas que promoven a reflexión sobre a violencia nas aulas (“Uno para todos”) e as violencias que sufren as mulleres (“Postre” e “Dios tiene nombre de mujer y se llama Petrunya”) ao longo deste mes, para estes últimos días de novembro están programadas varias actividades abertas e gratuítas que continúan chamando a atención sobre este tema desde diferentes perspectivas.

Charla-coloquio do historiador e escritor Rubén Martínez Alonso

Este venres, 25 de novembro, o historiador e escritor Rubén Martínez Alonso ofrecerá unha charla seguida de coloquio sobre os cambios socioculturais que tiveron lugar nas cidades desde finais do século XIX ata a segunda década do século XX a partir das 19:00 horas na biblioteca municipal de Mondariz. A conferencia leva por título “Do vals ao charlestón”, xa que estes foron os bailes que representaron o cambio sociocultural, e está relacionada coa obra “El Casino de Vigo: crónica ilustrada del histórico Casino de Vigo (1847-1936)” e coa exposición “Metrópole. Perspectiva urbana da arte galega”, comisariada polo mesmo autor no Museo Marco de Vigo. 

Representación teatral da obra “A señora de Forcadela”

Este sábado, 26 de novembro, Os Quinquilláns traen ao auditorio municipal de Mondariz a súa obra “A señora de Forcadela”, que está inspirada na historia real da mestra Josefa García Segret, represaliada durante a guerra civil e a ditadura franquista. A función comezará ás 21:00 horas, con entrada libre e gratuíta ata completar a cabida.

Presentación do libro “Calladita no eres más bonita”, de Nuria Prieto

Desde o 25 de novembro ata o 23 de decembro estará aberta ao público na biblioteca municipal de Mondariz a exposición de ilustracións do libro “Calladita no eres más bonita”, de Nuria Prieto. No marco desta actividade, incluída no programa “Sementando igualdade” que financia a Deputación de Pontevedra, tamén está programada a presentación do proxecto editorial de Nuria Prieto e unha charla da activista Esther Buela sobre violencia machista o día 30 de novembro no CPI de Mondariz. En “Calladita no eres más bonita”, Nuria Prieto sensibiliza sobre a violencia machista en mulleres novas. A divulgadora Esther Buela, pola súa banda, é sobrevivente de violencia machista e aproveita a súa experiencia persoal para promover unha maior conciencia social sobre este grave problema, especialmente entre a mocidade.