Cernadela, Meirol, Toutón, Vilasobroso e Gargamala. O Goberno municipal de Mondariz, segundo denuncia Alternativa por Mondriz (AporM), prevé pechar estes cinco puntos verdes que entraron en servizo no pasado mandato (2015-2019). Ata agora cada parroquia dispuña dun punto verde no que a veciñanza podía deixar os restos de podas para, posteriormente, recoller estruturante para utilizar nos seus propios composteiros individuais.
Agora, segundo afirma o portavoz municipal de AporM, Xoán Carlos Montes Bugarín ‘Calis’ o Goberno local “pretende centralizar na Escola de Música do Pé do Muíño (Riofrío-Vilar) a recollida e trituración destes restos vexetais, o que supón alonxar o servizo das persoas usuarias”.

O exalcalde lembra que, para este proceso, o Concello dispón dunha trituradora que daba servizo a estes puntos verdes e que era utilizada tamén para triturar a poda propia do Concello. O obxectivo do anterior goberno, era utilizar e aproveitar todos os restos de poda “para devolverlle materia orgánica ao chan, evitar queimas, e contribuír a facilitar o proceso de compostaxe da veciñanza” e engade Calis que, “para o bo funcionamento do servizo de puntos verdes, o anterior Goberno local reforzou o servizo coa adquisición dun camión novo dotado de guindastre”.
AporM levará unha iniciativa ao próximo pleno da Corporación para frear a iniciativa do alcalde e volver a utilizar os puntos verdes “xa que canto máis cerca estean dos núcleos de poboación, máis se incentiva a reciclaxe e a recuperación dos residuos”, destaca Calis.
O portavoz municipalista tamén proporá que o Concello “poña a disposición da veciñanza a trituradora da que é titular cando non estea sendo utilizada polo persoal municipal”. “Cantas máis facilidades deamos aos veciños, máis colaboración haberá e máis residuos se reutilizarán, evitando así o traslado de residuos orgánicos a Sogama e axudando a dar unha nova vida aos restos de podas”, conclúe Calis.