Sábado, 3 Maio de 2025

Aberto o prazo de inscrición para o escape room urbano de Mondariz

O epicentro deste escape room urbano, programado para o vindeiro 7 de agosto ás 21:00 horas, será a Praza de Mondariz

Xa está aberto o período de inscrición para a actividade de escape room urbano no Concello de Mondariz, organizada pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) a través de Territorio Comanche. Baixo o nome de “Estrelas”, este escape room urbano ofrecerá diversión á mocidade mediante unha serie de probas que xirarán tematicamente arredor das contribucións das mulleres na historia da humanidade. En concreto, está concebida como unha homenaxe a oito mulleres pioneiras, valentes, independentes e extraordinarias que, de xeito moi diverso, deixaron unha pegada de progreso na historia da humanidade, mesmo poñendo en risco as súas propias vidas.

É unha actividade por equipos (3-5 persoas), dirixida a mozos e mozas de 12 a 17 anos, que estará dividida en charla técnica, orientación, escape room e gran proba final. Requerirá enxeño e traballo en equipo.

Para inscribirse, hai que contactar coa OMIX de Mondariz a través de correo electrónico ([email protected]) ou teléfono (680 964 461) até o día 4 de agosto. De seren completadas as prazas dispoñibles, non obstante, o período de inscrición podería pecharse antes.

Dentro da programación de verán, esta actividade compleméntase con outras que tamén levan o selo de calidade de Territorio Comanche, como a proba de orientación familiar Aventura-Tea e a proba de orientación nocturna Orienta-Tea. Aventura-Tea 2021 reuniu o pasado 17 de xullo a 150 persoas de diferentes idades na praia fluvial do Val. Orienta-Tea 2021, que este ano cambia de ubicación, está programada para o 11 de setembro. Todas requiren inscrición previa de equipos na OMIX de Mondariz, polo que é recomendable estar atentas ás redes sociais do Concello de Mondariz para máis información sobre estas actividades.