Sábado, 3 Maio de 2025

A Festa dos Barrios e da Amizade de Vilar, nova festa gastronómica en Mondariz

A programación de actividades socioculturais deste verán en Mondariz revela un maior protagonismo das asociación e dos colectivos veciñais. Entre os numerosos eventos organizados pola comunidade destaca a primeira edición da Festa dos Barrios e da Amizade de Vilar, que se presenta como unha noite de troula e foliada, con música folk e baile ao longo dun percorrido gastronómico por diversos barrios da parroquia. O 20 de agosto, desde as 20:00 ata as 02:00 horas, ofrecerase unha degustación itinerante de mexillóns, salpicón, lacón, xoubas, orella e callos. Para dar a coñecer esta particular festa, os organizadores realizarán unha presentación pública este sábado, 16 de xullo, a iso das 12:00 horas nos Xardíns do Concello. É de esperar que tamén haxa música e degustación gastronómica.

“Iniciativas socioculturais como esta, que dinamizan a vida do rural e mesmo atraen a visitantes, teñen todo o apoio do Concello de Mondariz. A Festa dos Barrios e da Amizade está concebida como unha romaría gastronómica que promove a comunicación social. O concepto é moi atractivo”, indica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz e tamén concelleiro de Participación Veciñal.

Ademais de contar coa colaboración do Concello de Mondariz, a Festa dos Barrios e da Amizade de Vilar está apoiada por Amigos de Portavilar e a Deputación de Pontevedra.