Sábado, 3 Maio de 2025

A Biblioteca de Mondariz acolle unha clase gratuíta de iniciación ao taichí

A actividade correrá a cargo de Wang Tielin, chinés afincado en Mondariz, instructor certificado de kung-fu Shaolin e experto en artes marciais internas como o taichí de estilos Yang e Chen

A sala multiúsos da Biblioteca Pública Municipal ‘Xoán Xosé Pérez Labaca’ de Mondariz acollerá, o vindeiro sábado 25 de xaneiro ás 18 horas, unha masterclass gratuíta de iniciación ao taichí. A clase correrá a cargo de Wang Tielin, actualmente veciño de Mondariz quen, durante anos, formouse en artes marciais tradicionais de China como discípulo dun monxe do recoñecido Templo Shaolin.

Wang Tielin chegou a convertirse en instructor certificado de kung-fu Shaolin e foi ampliando coñecementos prácticos en artes marciais internas como o taichí de estilos Yang e Chen, con armas e sen armas. Foi mestre de ambas disciplinas en escolas de artes marciais de China e México, país onde aprendeu castelán.

O taichí é unha arte marcial oriental pouco coñecida en países occidentais como España. Dentro da tradición oriental, defínese como arte marcial interna –en contraste coas artes marciais externas como o kung-fu Shaolin– e relaciónase con principios do taoísmo e da medicina tradicional chinesa, como o “qi”, entendido como fluxo de enerxía vital.

Esta disciplina consiste en series de movementos suaves e coordinados que requiren un control da respiración. A súa práctica habitual é beneficiosa para a saúde física e mental, xa que contribúe a mellorar a coordinación, o equilibrio, a concentración e a relaxación.