Sábado, 8 Febreiro de 2025

Plataforma veciñal para a defensa da Fonte de Troncoso, un primeiro paso para a conservación do patrimonio

Din que todo camiño comeza por un primeiro paso e, dende esa perspectiva, a constitución dunha plataforma veciñal que poña voz á desfeita que se está a facer coa Fonte de Troncoso de Mondariz Balneario, obra do arquitecto Antonio Palacios e que podería ser cualificada, sen temor a equivocarnos, de atentado ao patrimonio, é un primeiro paso e, como tal, o máis importante.

Despois da acción de limpeza da Fonte de Troncoso do pasado mes de agosto, na que participaron medio cento de veciñas e veciños, as persoas que asumiron a coordinación da acción comunitaria convocan, o vindeiro sábado 21 de setembro ás 11 h na propia Fonte, a unha asemblea fundacional aberta a toda a cidadanía que queira participar na defensa do patrimonio e a cultura de Mondariz Balneario.

Segundo a portavoz da acción veciñal Mar Cendón esta asemblea esta dirixida “a marcar a liña de traballo da plataforma veciñal e sumar mais xente a reivindicación”.

“Son moitas as persoas que por redes sociais ou persoalmente se achegan a nós ofrecendo a súa axuda ” di a portavoz “ queremos que esta asemblea sexa o inicio do fin do abandono da Fonte de Troncoso, que nos escoiten no Concello e na Xunta, e que teñan ben claro que non imos parar ate ver a Fonte en condicións”, asegura a portavoz da veciñanza.

A situación da Fonte de Troncoso, chegou xa á Universidade de Vigo que, mediante un acordo da Xunta de Facultade de Historia, súmase tamén ás esixencias veciñais para a preservación do patrimonio de Mondariz Balneario, instando aos órganos competentes “a que apliquen as medidas de urxencia que conten a Lei 5/2016 a fin de evitar o colapso e a ruína inminente da obra arquitectónica modernista de Antonio Palacios”.

En todo caso e a modo de conclusión, que á veciñanza de xeito espontáneo sexa a que se teña que mobilizar para evitar a desaparición dun ben patrimonial de primeira orde como a Fonte de Troncoso, obra do arquitecto Antonio Palacios, di ben pouco das administracións publicas que terían que ser as primeiras en poñer todos os medios necesarios para a defensa do patrimonio histórico, artístico e cultural desta terra e que forma parte da nosa propia identidade como pobo.