En outubro de 2019 a plataforma SOS Fonte de Troncoso presentou unha denuncia ante a Consellería deCultura da Xunta de Galicia e o Concello de Mondariz Balneario polo estado ruinoso do Hotel Roma, un edificio catalogado e protexido que forma parte do Catálogo de Bens Culturais de Galicia. Con todo, a Asociación nunca obtivo resposta do Goberno galego, de aí que optaran por presentar unha queixa formal ante o Defensor del Pueblo, con sede en Madrid.
O pasado día 13.03.20231 o seu titular, Ángel Gabilondo, respondeu que “una vez estudiada su queja, tal como se le indicó en el acuse de recibo en su día enviado, procede admitirla a trámite porque reúne los requisitos establecidos en el artículo 54 de la Constitución, en relación con la Ley Orgánica 3/1981, de 6 de abril, que regula esta institución.
Iniciada la actuación con la Consejería de Cultura, Educación, Formación Profesional y Universidades, se le dará cuenta del contenido de la información que se reciba y de los trámites que sigan”.

En data 24 de novembro de 2017 produciuse o derrube do teito e parte dunha parede do edificio localizado na rúa Constitución nº 13 de Mondariz Balneario, coñecido como Hotel Roma. En relación con este edificio, a consecuencia da denuncia formulada por SOS Fonte de Troncoso o día 8.10.2019, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade abriu un expediente de dilixencias informativas co núm. VI-PO-114.19, téndose requirido información, sen éxito, ao Concello de Mondariz en varias ocasións.
Na publicidade do s. XX os propietarios deste hotel dicían que estaba “enclavado en el sitio más céntrico y elevado del balneario”. “Se halla a la altura de los mejores de su clase, dotado de amplias y ventiladas habitaciones, amuebladas según los más refinados adelantos y con luz directa, divisándose desde ellas hermosos y pintorescos valles.”
Valedora do Pobo
Segundo a Valedora do Pobo, que xa emitiu un ditame a respecto deste mesmo hotel en outubro de 20212, o Concello de Mondariz Balneario tamén é responsable do estado ruinoso deste edificio, xa que “incumpriu o deber establecido no artigo 3 da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia sobre a colaboración interadministrativa. Prevé a lei que as entidades que integran a Administración local, en relación cos bens do patrimonio cultural de Galicia que se localicen no seu ámbito territorial, teñen as obrigas de:
- Protexer, difundir e fomentar o seu valor cultural.
- Adoptar, en casos de emerxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens que viren a súa integridade ou valor ameazados.
- Comunicarlle á Xunta de Galicia calquera ameaza, perturbación ou dano do valor cultural que tales bens sufran.”
As actuacións levadas a cabo ata o momento polo Concello “resultan claramente insuficientes para protexer un edificio que forma parte do catálogo patrimonial de Mondariz Balneario e está catalogado no planeamento urbanístico como unha edificación protexida“. (…)
“En todo caso, o concello ten a obriga de facer cumprir o disposto no artigo 32 da citada Lei 5/2016: as persoas propietarias de bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración. Xa que logo, debería requirirse á entidade Rivas Vigo, S.L. o cumprimento dos seus deberes en relación coa edificación, nos termos que se estimen necesarios”.
“O Concello de Mondariz Balneario ten a competencia para velar polo cumprimento dos deberes de conservación e rehabilitación das vivendas e inmobles, de acordo co artigo 13 da Lei 8/2012 de Vivenda de Galicia, así como as ordes de execución que obriguen as persoas propietarias de bens inmobles a realizaren as actuacións necesarias para dar cumprimento a este deber, de acordo co artigo 136 da Lei 2/2016 do Solo de Galicia.”
1 N° Expediente: 23007749
2 Nº Expediente: Q.3.Q/10/21