Sábado, 3 Maio de 2025

O BNG forza ao Goberno de Mondariz Balneario a crear axudas para paliar os efectos da Covid-19

Consideran positivo que o goberno se apropie da iniciativa que antes rexeitou

O BNG amosou a súa satisfacción tras forzar ao goberno de Mondariz Balneario a crear unha partida orzamentaria por importe de 9.800 € para axudar ás persoas autónomas da vila. Segundo indican os nacionalistas, “a presión exercida polo grupo municipal do BNG xurdiu efecto e fixo mudar a posición inicial do goberno, que no pleno anterior rexeitara esta e outras propostas do Bloque para paliar os efectos do Covid-19 na veciñanza da vila”.

Tras o acordo por unanimidade da corporación, o Portavoz Municipal do BNG, César Gil, sinalaba que “é unha boa nova para toda a veciñanza, xa que tras tres meses de parálise, o goberno recapacita e dá a razón ao que formulou o BNG dende o inicio, apropiándose da nosa iniciativa”

Gil destacou que “o Bloque alégrase de saber que ao Partido Popular non lle queda máis remedio que deixar de lado os intereses partidistas e pór o Concello ao servizo dos veciños e veciñas”, á vez que convida ao goberno local “a seguir adoptando as medidas que formula o BNG, xa que iso beneficiará ao conxunto da veciñanza de Mondariz Balneario”. Así a todo, os nacionalistas lembran que aplicar unicamente esta medida paliativa non é suficiente. “Non abonda con parches, continúa a ser necesario e urxente deseñar unha estratexia local a medio e longo prazo para afrontar a actual crise”, concluíu o líder da oposición.