Sábado, 3 Maio de 2025

O BNG denuncia que o alcalde de Mondariz Balneario “ignora” o estado de alarma e continúa cos procedementos selectivos

O portavoz municipal da formación nacionalista, César Gil, esixe ao Goberno local que "paralice de inmediato a actividade non esencial"

O portavoz municipal do BNG no Concello de Mondariz Balneario, César Gil, Após a declaración do estado de alarma motivada pola crise sanitaria que estamos a vivir, os concellos de todo o país están esforzándose en minimizar os riscos de propagación da enfermidade, declinándose polo teletraballo e soamente realizando traballo presencial seguindo protocolos estritos de protección e coa finalidade de garantir servizos esencias.

O portavoz municipal do BNG, Cesar Gil Bernárdez, lémbralle ao Alcalde que “o Real Decreto 463/2020 do 14 de marzo, polo que se declarou o estado de alarma, establece que todos os procesos administrativos se paralizan como consecuencia do estado de alarma sanitaria motivada pola pandemia do coronavirus, na liña de evitar situacións que aumenten a probabilidade de contaxio e protexendo a igualdade de condicións da veciñanza”.

Pola contra, o Bloque indica que “o Alcalde de Mondariz Balneario semella estar á marxe da lei, pois continúa cos procesos de selección de persoal temporal, que nin son urxentes nin son referidos a feitos xustificativos do estado de alarma”. Segundo o portavoz nacionalista, “pausar este proceso selectivo durante o estado de alarma non inflúe de xeito algún na duración nin na contía dos contratos, carecendo polo tanto de xustificación algunha a premura na súa resolución”.

O tribunal de selección reuníase o pasado día 18 de marzo, catro días despois da declaración do estado de alarma, e facía publica a listaxe resolutiva o 23 de marzo, convocando ás persoas seleccionadas o día 1 de abril para comezar coas súas tarefas laborais como peóns de construción e forestais. O BNG denuncia que “a inconsciencia do Alcalde pon en grave risco os traballadores municipais, xa que un eventual accidente laboral co estado actual de sobrecarga da sanidade pode ser fatal. Este feito, á vez de ir en contra do decreto de alarma, pon de manifesto a irresponsabilidade do goberno municipal pondo en risco a saúde pública, non só dos propios traballadores municipais senón tamén de toda a veciñanza”.

O grupo municipal do BNG esíxelle o goberno local que “paralice de modo inmediato toda a actividade non esencial do concello e tome medidas dirixidas a protexer aos empregados municipais e a poboación de Mondariz Balneario, cumprindo coas obrigas do estado de alarma e as recomendacións das autoridades sanitarias”.