Sábado, 3 Maio de 2025

O Balneario de Mondariz gaña o premio Wedding Awards 2021

Premio Wedding Awards 2021 para o Balneario de Mondariz pola xestión das vodas na pandemia ao destacar ao seu equipo polo axuste de datas, a adaptación dos eventos e o labor máis aló do servizo comercial na información aos clientes. Os Óscars do sector, que se basean en máis de 7 millóns de opinións de parellas, recoñecen tamén o traballo dun gran equipo de profesionais na realización do evento, a personalización e a contorna natural e arquitectónica da vila termal. O premio acredítao como un dos espazos máis recomendados polas parellas que casaron durante 2019-20.

Estes galardóns organízaos a web Bodas.net, que forma parte do grupo “The Knot Worldwide” ,líder global no ámbito nupcial, e basean os seus galardóns nas máis de 7 millóns de opinións de parellas coas que conta o portal. O Balneario de Mondariz fíxose acredor deste recoñecemento polo lugar natural privilexiado onde está situada a vila termal, os seus espazos interiores marcados pola historia do establecemento, a súa gastronomía para eventos, o servizo e a posta en escena.

Analizando este recoñecemento por parte do equipo de Balneario de Mondariz, en concreto por María Gayoso, responsable de vodas e cerimonias, e Lorena Rey, de eventos, “o verdadeiro valor do premio é que o “xurado” son os propios noivos. Este recoñecemento concédese de acordo ás puntuacións e comentarios de parellas que realizaron a súa voda en diversos establecementos de Galicia. Fainos moi felices que o traballo de todo o noso equipo goce de tan boa valoración e, sobre todo, que o Balneario de Mondariz sexa un gran recordo para tantas parellas que nos elixiron para un dos días máis importantes das súas vidas”.

Pero as vodas cambiaron nos últimos tempos e o establecemento da vila termal adaptouse ás novas noivas, unha tendencia que segundo María Gayoso dotou a estas celebracións dunha maior personalización, comenta que “as cerimonias tradicionais e que seguían un desenvolvemento e un protocolo máis ou menos semellante entre si deron paso a eventos moito máis persoais e singulares. Hoxe en día cada voda é única e diferente, moi ao gusto particular de cada parella, o cal nos obriga a ser máis orixinais e creativos”.

Todos estes retos fanse posible afrontar no Balneario de Mondariz grazas estar nun espazo privilexiado, tanto natural como arquitectónico, porque segundo María Gayoso, “unha das vantaxes de Balneario de Mondariz é a posibilidade de celebrar a túa voda nun marco único, un lugar cheo de encanto e historia no medio dunha contorna completamente natural. Os noivos dispoñen de diferentes escenarios, tanto interiores como ao aire libre, e a posibilidade de realizar toda a celebración dentro das mesmas instalacións. Para iso ofrecemos capela privada para cerimonias relixiosas, a maxestosa Fonte de Gándara e outros emprazamentos para cerimonias civís, diferentes xardíns e salóns para cocteles e banquetes ou aloxamento para noivos e invitados, coa posibilidade de gozar do balneario ao día seguinte”.

A experiencia que lles achega o celebrar máis de 100 eventos ao ano entre vodas, bautizos e comuñóns, baséanse en dous aspectos fundamentais. En primeiro lugar a gastronomía, un elemento primordial en calquera celebración en Galicia, e que é algo que coidan con moito mimo ofrecendo a máxima calidade e detalle. Doutra banda está a organización de todo o evento, mediante a cal conseguen levar a cabo a voda única que os noivos desexan. Para iso, como protagonistas que son, dispoñen das máximas facilidades para realizar a voda ao seu gusto.