Sábado, 3 Maio de 2025

Balneario de Mondariz recoñece o labor do seu primeiro equipo de 1994

Balneario de Mondariz recoñeceu a profesionalidade e labor dos traballadores en activo do seu primeiro equipo, ao cumprirse 25 anos da recuperación do proxecto termal como hoxe coñécese. Nun emotivo acto tras a cea de Nadal, co slogan ‘Os cinco dos 25’, a dirección premiou a Sonia Álvarez, Vanesa Rodríguez, Ángeles González, Belén Pérez e Cipriano Núñez cunhas vacacións en Costa Verde, por iso de ser especialistas en turismo, por todos estes anos dedicados ao proxecto da vila termal galega.

Estes cinco traballadores formaban parte dos 35 empregados que foron os primeiros en entrar no edificio Varanda cando se inaugurou a primeira fase do balneario en 1994. Obra que inaugurou Manuel Fraga Iribarne que deu paso ao resto da recuperación histórica do resto dos edificios e culminou coa posta en marcha do Palacio da auga en 2005.

O proxecto que se iniciou en 1988 polo actual presidente de Balneario de Mondariz, Javier Solano Rodríguez-Losada, tiña como finalidade devolver á vida ao Balneario de Mondariz cuxa actividade se paralizou polo incendio do Gran Hotel en 1973. Unha vila dedicada á saúde termal coñecida como referente europeo no turismo de saúde cuxas instalacións desde o século XIX eran o destino elixido polos españois e europeos para gozar das vacacións estivais e coidarse a partir da filosofía natural do ‘Salutem per Aqua’.

A historia do Balneario de Mondariz data a construción da súa primeira casa de baños en 1880 e a partir de aí o Gran Hotel que, en 1900, rivalizou cos grandes balnearios de Baden- Baden, en Alemaña, e Bath, en Londres. Solano recolleu a testemuña dos irmáns Peinador, fundadores a finais do S. XVIII do complexo, adaptando o termalismo tradicional ás necesidades do lecer de saúde do S. XXI.