Venres, 2 Maio de 2025

A veciñanza de Mondariz Balneario mobilízase na defensa da «Fonte de Troncoso»

A veciñanza de Mondariz Balneario vén de convocar, para o vindeiro domingo, 25 de agosto, unha iniciativa que quere ser o primeiro paso para a recuperación dun extraordinario ben patrimonial sumido no máis absoluto dos abandonos: a «Fonte de Troncoso».

A convocatoria, non pode ser máis clara ao sinalar, as veciñas e veciños organizadores que adoptan esta medida “asumindo a ausencia dun goberno da Xunta ou do Concello capaz de xestionar a problemática que existe coa Fonte de Troncoso”.

O chamamento, non é so á veciñanza de Mondariz Balneario, snon “da contorna e a de todo o territorio galego, sensibilizada, e que sinte como propia a defensa dos intereses do pobo galego e da súa cultura, material e inmaterial”.

Ante esa ausencia de iniciativas por parte de quen debería tomalas, dito sexa de paso, veciños e veciñas recoñecen “a necesidade da defensa do noso patrimonio, e considerámonos mais que facultadas para promovela defensa dos intereses públicos da vila de Mondariz Balneario”.

Así que, “fartos do inmobilísimo das institucións e da propiedade do inmoble, pómonos mans a obra para recuperar, limpar, coidar e adecentar, pola nosa conta, da Fonte de Troncoso”. Pódese dicir máis alto pero non máis claro.

Como primeira acción veciñal o dia 25 de Agosto as 11 h convocan a tódalas persoas maiores de 18 anos que, baixo a súa responsabilidade, queiran participar voluntariamente no adecentamento e limpeza da Fonte de Troncoso.

Prégase a asistencia seguindo as normas de seguridade e hixiene no traballo de limpeza (luvas, bo estado das ferramentas, etc.) e coidado do patrimonio protexido.